www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

Prohibida a captura do choco na ría de Vigo do 1 de agosto ao 31 de outubro
Sociedade • 24/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A Xunta establece a veda para o Choco durante os vindeiros tres meses. Prohíbese a captura, transporte e venda desta especie, tamén para aqueles que realicen pesca marítima de recreo co obxectivo de favorecer a conservación e explotación responsable do cefalópodo. Unha medida adoptada dende o goberno galego e que responde a unha petición feita dende diferentes confrarías como a de Redondela e Arcade.


O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establece un período de veda para a captura do choco dentro da liña que vai de Punta Monte da Guía a Punta do Con, na Ría de Vigo. O intervalo temporal contemplado para esta prohibición abarca dende o 1 de agosto ata o 31 de outubro deste mesmo ano.


Queda polo tanto prohibida durante esta temporada a captura, tenencia a bordo, transbordo, comercialización ou venda de choco e as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar. Segundo a Lei de Pesca de Galicia, esta veda é aplicable do mesmo xeito á pesca marítima de recreo, xa que as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros son as mesmas.


A medida responde á solicitude entregada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, promovida polos pósitos de Redondela, Moaña, Arcade, Vilaboa e Cangas. Deste xeito, perséguese o "establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos", obxectivo marcado pola Lei de Pesca de Galicia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: