Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Afectados pola AP-9 ameazan con paralizar as obras se non se atenden as súas peticións
Sociedade • 22/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os atrasos continuados na convocatoria da Comisión de seguimento e a falta de interese do Ministerio de Fomento por nomear un representante neste organismo, as compensacións económicas aos veciños cuxas vivendas se atopan a menos de 8 metros da autoestrada ou a non inclusión no proxecto de melloras si comprometidas como as pantallas acústicas, son tan só algúns dos motivos que levan a Asociación de Afectados pola Ampliación da AP-9 a anunciar que non dubidarán en parar as obras se non se lles dá unha resposta positiva ás súas demandas.


Os afectados polas obras da AP-9 non o dubidan "sairemos a rúa e paralizaremos as obras, porque parece que é o único xeito de que nos atendan" explica un dos seus membro, Jesús Vázquez. Dende hai meses están a solicitar que se convoque a Comisión de seguimento, que debería ser a encargada de velar porque bo desenvolvemento dos traballos e o cumprimento do proxecto, sen embargo, a negativa do Ministerio de Fomento a nomear aos seus representantes impide que esta comisión comece a traballar.


Unha queixa que se suma á difícil situación que atravesan os propietarios das 5 vivendas que se atopan a menos de 8 metros das obras "seguen esperando que se lles paguen un prezo xusto polas súas casas que lles permita adquirir outra vivenda e trasladarse".


A asociación anuncia que a mobilización non se demorará moito "deixaremos pasar o mes de agosto, pero en setembro sairemos a rúa". Confían ademais en contar co apoio de toda a parroquia porque ademais dos problemas que padecen os afectados directos, o resto dos veciños son tamén afectados en canto usuarios do Colexio, do pavillón, do Centro de saúde ou da Igrexa. De feito, explica Vazquez "no proxecto non están recollidas melloras si comprometidas por Fomento e pola empresa como que se cubra a estrada con asfalto absorbente ou que se coloquen pantallas acústicas", melloras que de non realizarse provocarán moitos prexuizos a todos os veciños.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: