www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

AER solicita a posta en valor do Cruceiro e Peto de ánimas de Pasais
Cultura • 21/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A Agrupación de Electores lembra na súa petición o importante valor patrimonial e cultural deste cruceiro, que despois de anos de actuacións na súa contorna atópase nun estado de abandono "escondido e rodeado de valos da estrada e de diversas sinais que o desvirtúan". A última das actuacións no lugar rematou recentemente e consistiu na ampliación da propia ponte de Pasais.


O Cruceiro, que se atopa no cruce entre a estrada a Reboreda e a subida a San Xoán de Arcal acabou parcialmente agochado logo das numerosas actuacións cometidas na súa contorna. Dende AER aseguran que logo de que varios veciños e asociación culturais advertiran do estado no que se atopa e o risco que corre, decidiron instar ao goberno local a que tome as medidas oportunas para a súa posta en valor e para garantir a súa conservación.


Neste sentido xa solicitaron aos responsables municipais información sobre a existencia dalgunha actuación encamiñada a lograr eses obxectivos e "de non existir ningunha proposta se proceda a tomar as medidas oportunas, consultando as entidades e profesionais que traballen no eido da posta en valor do patrimonio, para a recuperación deste elemento".


O cruceiro, segundo recolle o investigador Fernández de la Cigoña, "debe o seu nome á antiga existencia do marco dos "Paisás" (Pasais) que delimitaba as parroquias de Redondela, Reboreda e Vilavella. Presenta un par de inscricións practicamente ilexibles "...SACADME DE ESTAS PENAS..." e "LA MANDO A-CER DO-LO. SYO-". A finais do século XIX era mantido e xestionado pola Confraría de Ánimas de Vilavella, fundada en 1741. Na cruz aparece un Cristo e no peto un anxo salva a unha ánima mentres outras cinco continúan entre as chamas. O retablo de madeira foi realizado por Sesé Fernández nos anos 80 substituíndo a outro realizado polo Taller Hnos. Fernández (Sesé e Benito) o 28 de marzo de 1942 e pintado en maio de 1954".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: