www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

Emotiva homenaxe ás vítimas do franquismo en San Simón
Cultura • 20/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Máis de 400 persoas déronse cita este domingo na Illa para lembrar e homenaxear ás vítimas da ditadura convocados polas asociacións reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM). A xuntanza, contou co testemuño de Darío Rivas, quen aos 94 anos lidera a querela na Arxentina contra os responsables do xenocidio iniciado en 1936, entre cuxas vítimas atópase seu pai, alcalde de Castro Rei executado por falanxistas.


Nesta homenaxe anual ás vítimas, a IGM reiterou demandas centrais como a derrogación da lei de amnistía, lembrando ao Estado español que está a incumprir coas recentes recomendacións que en materia de dereitos humanos fixéronlle dende as Nacións Unidas.


Especial fincapé tivo o reclamo por devolver o carácter de lugar de memoria á illa de San Simón, un dos maiores campos de concentración montados polo franquismo entre 1936 e 1943 e reclamando un debido recoñecemento ás familias da parroquia de Cesantes pola súa labor solidaria e humanitaria naquel período cos repesaliados e as súas familias.


Os asistentes á homenaxe chegaron á illa en catro quendas dun barco que partiu do porto de San Andrés de Cobres (Vilaboa). No mediodía comezou a homenaxe coa interpretación do Himno de Riego por parte do grupo de gaitas. A seguir Fernando Souto (da CRMH da Coruña) fixo un resumo aos presentes das demandas históricas da IGM, para logo dar paso á lectura por parte de Queta Molas (ARMH de Marín) dun texto de Luís Bará (Asociación "A Regaduxa" de Vilaboa) que lembra a testemuña de Isabel Gómez Costas e a súa familia, veciños de Redondela, que marcharon ao exilio no ano 1937.


A intervención de Darío Rivas, puxo broche final ao acto xunto coas tradicionais soltas de pombas e achegas florais que familiares e amigos das vítimas achegaron una ano máis a San Simón. O Himno Galego pechou a homenaxe.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: