www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Os alumnos do IES Mendiño gañan o primeiro premio dos Jules Verne
Cultura • 17/07/2015
Autor: Lorena Otero

Un traballo sobre a toponimia de Redondela fíxose co primeiro premio da II edición dos Jules Verne que concede o Concello de Redondela entre os alumnos de primaria e secundaria dos centros educativos. O segundo premio foi para os alumnos do CEIP Laredo polo seu traballo sobre a vida e obra de Filgueira Valverde.


O Concello de Redondela entregou este venres os galardóns da segunda edición dos premios Jules Verne, dirixido a estudantes a partir de sexto de Primaria e que ten como obxectivo fomentar o traballo colaborativo e o enxeño entre os estudantes redondeláns. O premio presenta dúas categorías, unha para o mellor traballo en ciencias, que este ano quedou baleiro, e outro para o mellor traballo de innovación na lingua galega.


Entre os tres participantes nesta edición o primeiro premio foi para os alumnos do IES Mendiño polo seu traballo “Os nosos lugares”, unha investigación sobre a toponimia das parroquias redondelás no que traballaron durante seis meses recompilando información en libros, na rede e cos veciños da zona para coñecer a orixe dos nomes.


O segundo premio foi para os alumnos do CEIP Laredo polo seu traballo “Vida e Obra de X.L. Filgueira" no que os alumnos investigaron sobre a traxectoria do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Os galardoados recibiron como premio un diploma e unha achega económica.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: