www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Chapela celebra a primeira Bandeira Feminina de Traiñeiras
Deporte • 9/07/2015
Autor: Lorena Otero

A praia de Arealonga acollerá este domingo dobre competición. Celebrarase a I Bandeira feminina, que quere ser un recoñecemento ao bo traballo que están facendo as remeiras redondelás, e ás doce comezará a II Bandeira Masculina de Traiñeiras na que os chapeláns terán que enfrontarse a outras seis embarcacións.


Os éxitos acadados polas remeiras redondeláns, que por primeira vez este ano compiten na Liga Galega con embarcación propia, reflíctese na I Bandeira Feminina de Traiñeiras que organiza o C.R. Chapela xunto ao concello de Redondela. Unha satisfacción tanto para as remeiras como para o propio club que malia as dificultades económicas e organizativas amósase orgulloso desta primeira Bandeira, que o presidente do Club, Julio Prado, di, é reflexo do bo traballo das remeiras, varias veces campioas de España de traiñeiriñas e bateis e na última competición, terceiras en Santander.


Un bo traballo que tamén destacaba o novo edil, Julio Mougán, que aseguraba que o remo e o deporte feminino son dúas das apostas da Concellería de Deportes que encabezará esta lexislatura.


As remeiras redondelás terán que medirse ás de Cabo de Cruz e San Martiño. Malia que a embarcación de Boiro parte como favorita, o presidente do club, confía en que o bo tempo e a baza de remar na casa lles permita acadar un bo resultado.


II Bandeira Masculina de Traiñeiras Chapela


A cita feminina coincide coa celebración da segunda edición da Bandeira Masculina de Traiñeiras que comezará ás doce do mediodía e na que participarán sete embarcacións: Mecos-Mondariz, Castropol, Chapela, Rianxo, Cesantes, Vila de Cangas e Mera. Parte como favorita a embarcación de Mecos, primeiros na clasificación. Os remeiros de Chapela son terceiros con nove puntos e os de Cesantes quintos con seis puntos. Malia que a tempada non está indo todo o ben que agardaban, Julio Prado asegura que pelexarán polo ascenso e para recuperar a categoría que ocupaban hai un ano.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: