www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

AER xustifica o seu voto no pleno das retribucións polo aforro que suporá a longo prazo
Política • 6/07/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Un salario para o alcalde de 45.000 euros e unhas retribucións para os concelleiros do grupo de goberno que oscilan entre os 23.000 e os 18.000 euros anuais. Unhas cifras presentadas polo PP logo de rebaixar as súas pretensións iniciais e que foron aprobadas grazas a postura de AER cuxos concelleiros se abstiveron no caso do salario do alcalde e votaron a favor das remuneracións do edís con responsablidades de goberno mentres o resto dos grupos da oposición votaron en contra.  Aer xustifica a súa postura porque "o aprobado no pleno vai supoñer estes 4 anos un aforro de 227.000 euros sobre a proposta inicial do PP".


A decisión de AER no pleno extraordinario celebrado para organizar a corporación municipal e establecer os salarios e asignacións que percibirán cada un dos grupos e representantes políticos en Redondela fixo posible que o PP sacase adiante a súa proposta. Unha posposta que, si ben rebaixaba notablemente as aspiracións iniciais do alcalde, que tivo que reducir o seu salario nun 20%, pasando de 55.000 a 45.000 euros, incluíu tamén un incremento notable en canto ao que percibirán os concelleiros do grupo de goberno respecto do mandato anterior.


Unha proposta que non contou co apoio de PSOE, BNG e Redondela Pode cuxos concelleiros votaron en contra alegando que as retribucións eran excesivas e argumentando tamén que as contas asfixiaban aos grupos con menor representatividade.


Con todo, AER decidiu co seu voto favorecer que as contas foran aprobadas, unha decisión que non causou pouca axitación. Por este motivo decidiron emitir un longo comunicado co que queren explicar a súa postura.


Aseguran que "se lle está a prestar demasiada atención ao soldo do alcalde (que se rebaixou un 20%) mentres se desatenden os gastos das subvencións aos grupos políticos" e aseguran que as rebaixas das subvencións aos grupos supoñen un aforro de case 80.000 euros para o Concello "abstivémonos no salario do alcalde cedendo 4.000 euros ao ano sobre a nosa proposta, pero a cambio, o grupo do Partido Popular vai recibir neste mandato 34.000 euros menos que de aprobarse a proposta de Redondela Pode, ou 79.000 euros menos que o recollido na proposta do BNG".


Apuntan tamén que malia o incremento nas retribucións dos concelleiros de goberno "estes van cobrar o mesmo salario por hora que no mandato anterior xa que se establece que traballarán máis horas".


Engaden que "AER baixa a asignación para o alcalde, pero tamén para nós, tratando de ser coherentes con nós mesmos- e conclúen asegurando que "o aprobado no pleno vai supoñer estes 4 anos un aforro de 227.000 euros sobre a proposta do PP".


No seu comunicado recriminan ao PSOE que malia tentar en varias ocasións chegar a un acordo con eles como principal grupo da oposición "o Partido Socialista negouse a reunirse con nós durante máis dunha semana".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: