Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

A bandeira azul ondea en Cesantes por segundo ano consecutivo
Institucional • 6/07/2015
Autor: Lorena Otero

O areal da Punta mantén este distintivo que valora a calidade da auga, a seguridade, os servizos e a accesibilidade. Un recoñecemento que conseguía en 2014, converténdose no primeiro areal redondelán con este galardón. A praia xa conta con todos os servizos en activo, entre eles o de limpeza e de socorrismos, até o 15 de setembro.


Dende este venres, 3 de xullo, a bandeira azul ondea na praia de A Punta en Cesantes, por segundo ano consecutivo, logo de que en 2014 a proposta recibise o visto e prace da Asociación de Educación Ambiental, encargada en España de outorgar este recoñecemento no que se valora a calidade das augas, que ten que ser excelente, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.



A bandeira foi izada o pasado venres nun acto que contou coa presenza do alcalde de Redondela, Javier Bas, a Conselleira de Medio Ambiente, Infraestruturas e Transporte, Ethel Vázquez, a Delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez Ballesteros, quen subliñaba que este distintivo é un “orgullo” que supón un “pulo para o turismo do municipio e sitúa a Redondela e Cesantes no mapa de areais máis importantes de Galicia e España.




O alcalde de Redondela destacaba o esforzo que implica conservar esta bandeira azul o que “supón o compromiso dos cidadáns que están colaborando e mentalizados da súa importancia”.



A Conselleira Ethel Vazquez aseguraba que manter este distintivo é unha “mostra do traballo e esforzo do goberno” ao que engadía que o areal da Punta contribúe a que a provincia de Pontevedra sexa a que máis distintivos obtivo este ano, un total de 59, das 131 bandeiras azuis outorgadas na comunidade galega.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: