www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Un verán de música
Cultura • 25/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A escola de música de Chapela ten en marcha diferentes actividades orientadas a promover a música dun xeito divertido e lúdico ao tempo que oferta alternativas de ocio para todas as idades durante o vindeiro mes de xullo. Dende a dirección do centro lembran que está abeto tamén o prazo de inscrición para desenvolver estudos de música no curso 2015-2016 cunha amplísima oferta en instrumentos e ensinanzas musicais.


A actividade máis inmediata das que teñen en marcha é un campus musical aberto a todas as idades que se vai desenvolver entre o 6 e o 24 do mes de xullo en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas. Un campus no que se inclúen xogos, saídas, obradoiros e una serie de actividades orientadas a achegarnos a música e dándolle a posibilidade aos nenos de coñecer a forma de facer música cos diversos instrumentos, moitas veces improvisados con distintos materiais reutilizados.


O campus tamén incluirá, para aqueles que o desexen, clases de recuperación e reforzo nas distintas modalidades de ensinanzas musicais, tanto para alumnos do centro como aqueles que cursen estudos musicais noutras Escolas de Música ou conservatorios.


O mesmo vai dirixido a neno/as a partir de 3 anos, e sen límite de idade para as clases de reforzo e recuperación. Ademais hai a posibilidade de participar tan só unha semana, cun custe de 35 euros, ou facer o campus na súa totalidade que ten un custe de 75 euros.


 Xa a final de mes e orientado a un público profesional organizan un campus na Illa de San Simón entre os días 28 e 31 de xullo impartido polo Quinteto Rubato no que se impartirán clases de trompa, frauta, fagot, clarinete, oboe e música de cámara. O prezo do curso é de 230 euros e inclúe o traslado e estancia completa na Illa ademais doutras actividades complementarias.


A Escola de Música de Chapela recorda tamén que continua aberto o prazo de inscripción de alumnos, a partir de cero anos e sen límite de idade, para o vindeiro curso no que oferta as ensinanzas de linguaxe musical, música e movemento (de 3 a 5 anos), ludoteca musical (a partir de 2 anos) e "The music class" (dirixido a bebés) así como clases de instrumento, cunha gran variedade de instrumentos de vento, corda e percusión.


Os interesados en calquera das actividades en marcha poden formalizar a inscrición nas oficinas da escola, situadas nos baixos do Pavillón de Chapela, así como informarse a través do E-Mail escolademusicadechapela@hotmail.com.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: