www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Portos de Galicia repara os pantaláns do peirao de Cesantes
Institucional • 23/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

As obras consistiron na reparación de varias táboas e que se atopaban en mal estado con posibilidade de rotura. O presidente do ente público,  José Juan Durán reuniuse onte co patrón maior Clemente bastos quen lle trasladou algunhas demandas sobre melloras para o porto como puntos de luz e auga. Adiantou ademais que no prazo dun mes presentarán o estudo realizado sobre dinámica de litoral do porto de Cesantes.


José Juan Durán visitou o peirao de Cesantes para supervisar as obras de reparación dos pantaláns para o sector profesional da flota con base neste porto. Unha actuación necesaria ante a necesidade de aumentar a seguridade das instalacións, xa que numerosas táboas do chan dos pantaláns onde ten base a flota artesanal atopábanse en malas condicións para o seu uso, coa posibilidade de roturas que danasen tanto aos barcos como ás persoas.


Con esta actuación mellorarase tanto a operatividade como a facilidade para traballar sobre pantalán, xa que foron substituídas un gran numero de pezas por outras tantas novas de madeira imputrescible, incluso algunhas na pasarela de acceso aos pantaláns, tal e como fora solicitado pola confraría de pescadores. Estas obras forman parte das actuacións de mantemento que se están a levar a cabo en todas as instalacións portuarias autonómicas.


Jose Juan Durán estivo acompañado polo alcalde de Redondela e polo patrón maior da confraría de Cesantes, quen solicitou algunhas melloras para este porto, solicitudes que foron escoitadas polo presidente de Portos e que serán tratadas en reunións posteriores. En canto ao estudo sobre dinámica de litoral do porto de Cesantes, o presidente sinalou que no prazo dun mes poderían estar rematadas as conclusións e se levaría a cabo a súa presentación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: