www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Pendentes do reparto das áreas de goberno en Redondela
Política • 15/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O xa alcalde de Redondela deberá reorganizar o goberno logo de perder un concelleiro respecto do mandato anterior. A intención de Bas era que a Concellería de Cultura fora asumida polo ex xerente da Fundación Illa de San Simón, Javier Alonso, quen non chegou a entrar na corporación. Agora o alcalde deberá decidir se forza a dimitir do seu cargo a algún dos concelleiros electos para favorecer a entrada de Alonso ou se delega noutro edil as responsabilidades de Cultura. Esa será unha das primeiras decisións de Bas logo do pleno de investidura do sábado. Anunciou tamén que convocará de xeito inmediato a todos os grupos da oposición para "abrir vías de comunicación e deseñar canles que permitan maior fluidez na toma de decisións de cara a afrontar os grandes temas do mandato".


Áreas importantes como a de Cultura están aínda no aire á espera de coñecerse quen ocupará o espazo deixado polo que fora edil de cultura, Julio Alonso. O obxectivo do PP era que o ex xerente da Fundación Illa de San Simón asumise esta concellería, pero Javier Alonso, que ocupaba o posto número once da lista, non chegou a entrar na corporación ao acadar os populares tan só nove concelleiros. Nas vindeiras horas coñeceremos se hai baixas entre os concelleiros do PP que permitan finalmente a entrada no goberno deste edil ou se, pola contra, é outro concelleiro o que asume estas responsabilidade.


O PP afronta un novo mandato marcado pola inestabilidade que supón gobernar en clara minoría, con nove concelleiros fronte aos 12 da oposición integrada por PSOE, AER, BNG e Redondela Pode. Ante esta situación Javier Bas xa anunciou que o primeiro que tiña pensado facer na xornada de hoxe é planificar un calendario de reunións co resto dos grupos porque segundo dixo "temos que entendernos".


Unha situación de minoría que o propio Bas cualifica de "moi esixente" xa que calquera dos temas que teñan que pasar por pleno precisarán necesariamente de acordos puntuais co resto dos grupos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: