www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

Javier Bas proclamado alcalde de Redondela
Política • 13/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O PP gobernará en minoría logo de que a falta de acordo entre os grupos da oposición non permitise conformar un goberno alternativo. Malia a tensión dos últimos días o pleno desenvolveuse nun ambiente de calma e tranquilidade e o rexedor popular, que asume o bastón de mando por segundo mandato consecutivo, foi proclamado alcalde entre os aplausos do numeroso público que ateigaba o auditorio do Multiusos da Xunqueira. Os concelleiros de BNG e AER saltáronse o guión e empregaron fórmulas alternativas á hora de xurar o cargo.


Na súa primeira intervención, logo de ser ratificado no cargo, Bas fixo un chamamento "a manter o respecto entre os distintos grupos políticos e ideoloxías porque aínda que haxa discrepancias somos a representación dunha gran parte da vontade de Redondela". Engadiu que non se pode excluír a ninguén "serei o alcalde de todos os veciños e farei o necesario para que exista unha boa comunicación dende o goberno cos movementos asociativos e o resto dos grupos políticos". Un chamamento a un entendemento político que se fai imprescindible nun mandato no que o PP vai ter que gobernar a base de pactos e acordos co resto dos grupos ao presidir un goberno en minoría con nove concelleiros fronte aos 12 que conforman a oposición.


As palabras do xa alcalde chegaban logo dun pleno de investidura desenvolvido no Multiusos da Xunqueira nun ambiente de calma e sosego. Os membros do partidos maioritarios optaron por empregar a fórmula habitual para tomar posesión do seu cargo "prometo pola miña conciencia e honor cumprir fielmente as obrigas do cargo de Concelleiro de Redondela con lealdade ao Rei e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado". Unha fórmula que se saltaron tanto o edil do BNG como os catro representantes de AER. O nacionalistas Xoán Carlos González manifestaba que "por imperativo legal comprométome a cumprir as obrigas como concelleiro de Redondela ao servizos dos veciños e do pobo galego". O voceiro de AER, Ricardo FIgueroa usaba a fórmula "por imperativo legal comprométome a gardar e facer gardar esta constitución modificada a gusto de PP e PSOE mentres non haxa outra".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: