www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

O PSOE caldea os ánimos cun boletín no que cualifica a AER como "o gran aliado do PP"
Política • 12/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O socialistas de Redondela inician unha campaña para informar á cidadanía das consecuencias que ao seu entender provocará a negativa de AER de impulsar un goberno progresista. Convocan unha asemblea aberta no multiusos hoxe venres ás 20:30 horas e publican un boletín informativo no que salientan que "PP e AER son máis que inimigos íntimos".


Ambiente caldeado o que parece se vai vivir mañá no pleno de investidura que se vai celebrar ás 11:00 horas no Multiusos da Xunqueira. Logo das acusación do PSOE quen, a través do seu secretario provincial Santos Héctor aseguraba "ter fundadas sospeitas que membros de AER recibiron favores laborais por parte do alcalde e vinculados á Deputación Provincial" nas últimas horas os socialistas iniciaron unha campaña consistente no reparto dun boletín informativo e na convocatoria dunha asemblea aberta á cidadanía hoxe venres na que explicarán "as consecuencias que a postura de AER vai ter na composición do próximo goberno municipal o sábado".


A esta asemblea, que se vai celebrar na sala de pintura ás 20,30 horas, invitan a todos os veciños e veciñas de Redondela para ter unha conversa aberta e coñecer as súas opinións."A decisión de AER de rachar coas negociacións sen chegar a entrar en cuestións programáticas so vai ter unha consecuencia e é deixar gobernar ao PP catro anos máis" sinala o candidato á alcaldía Eduardo Reguera.


Reguera insistiu que nos contactos mantidos coas outras forzas políticas non se chegou a entrar na negociación dun programa conxunto para desenvolver os próximos catro anos "o que deixa ben claro que non se tiña ningunha idea de apoiar un goberno de progreso en Redondela senón sinxelamente deixar ao PP outros catro anos de goberno".


Para os socialistas, a vontade dos electores de Redondela era mudar o goberno do PP e que os grupos de esquerda fixeran un proxecto común para ofrecer unha alternativa as políticas de destrución do estado do benestar, das políticas sociais ou dos copagos sanitarios e da educación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: