www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 21 de Xuño de 2018

Javier Bas: "O PSOE recorre á difamación para tentar acadar un poder que as urnas non lle deron"
Política • 11/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O alcalde en funcións é cauto á hora de valorar a súa máis que probable investidura o vindeiro sábado "aínda quedan días e ata o pleno do día 13 nada é definitivo". Máis contundente se amosa á hora de negar ás acusacións do secretario provincial do PSOE quen afirmou ter "fundadas sospeitas de que Javier Bas tería favorecido laboralmente a membros de AER". Asegura Bas que estas acusacións son "mentira" e que responden "á desesperación dos socialistas por facerse coa alcaldía". Convídaos a acudir aos xulgados se teñen probas "que presenten unha denuncia ou que deixen de enlodar a política, un terreo no que se moven moi ben pero que é indigno".


Bas non quere adiantar nada de cómo será o próximo goberno que lle tocará liderar a partir deste sábado. Entende que ata que se produza o pleno de investidura hai que ser cautos malia que todo apunte que seguirá na alcaldía ante a decisión de AER de non apoiar un goberno alternativo.


Con todo, é consciente de que  se abre un período difícil, no que de gobernar terán que facelo en minoría e cun concelleiro menos, o que obrigará a reorganizar o goberno local para facelo operativo.


En canto ás negociacións desenvolvidas nas últimas semanas no camiño de acadar apoios que garantiran a súa permanencia na alcaldía, explica Bas que as súas conversas con AER centráronse en temas relacionados coa participación cidadá e a transparencia "e comprometémonos a seguir avanzando neses campos".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: