www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 13 de Novembro de 2019

As obras do AVE “ameazan “ a enseada de San Simón
Sociedade • 8/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A fondo da ría de Vigo é un dos 17 espazos protexidos do litoral galego que se atopan en perigo polo boom da construcción, as infraestruturas, os proxecto eólicos e as granxas de acuicultura.



Así o recolle Greenpeace no seu informe anual “Destrucción a toda costa” no que se suliñan as áreas naturais do litoral galego que se atopan en perigo. En total 17 enclaves, dos cales tres se atopan en Lugo, 6 na Coruña e 8 na provincia de Pontevedra.



A falta de depuración das augas, a construción desaforada, os plans urbanísticos e os proxectos acuícolas e eólicos son os motivos principais de que estes enclaves, intocables dende o punto de vista ambiental, estean en perigo.


Hai que engadir unha nova causa de destrución: os vertidos contaminantes procedentes de diversas infraestruturas. No caso de Redondela son os lodos procedentes das obras do AVE o que está a por en perigo a enseada, segundo denuncian dende Greenpeace.


No seu informe, a asociación ecoloxista alerta de que "o formigón e o cemento van gañando espazos" na costa galega, aínda que se trata da segunda comunidade con maior porcentaxe de franxa litoral protexida, por detrás de Catalunya. Denuncia Greenpeace que “de nada serve pór territorio baixo un marco legal restritivo se a normativa non se pon en práctica”.


Galicia é, tras Valencia e Andalucía, a terceira comunidade con máis zonas en perigo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: