www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

A Confraría constata unha mortandade do 20% da ameixa no banco marisqueiro de Cesantes
Sociedade • 2/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A aparición dunha capa de lodo nas inmediacións do polémico muro realizado na praia de Cesantes preocupaba na confraría polas posibles repercusións que podería ter sobre os bancos marisqueiros.  Dous meses despois o patrón maior confirma que se constatou a perda duns 1.500 kilos de ameixa, "aproximadamente o 20% do total". Ante esta situación xa presentaron un escrito no concello solicitando que se compense a Confraría por esta perda e que se adopten as medidas oportunas para evitar que se repita este feito.


O patrón maior, Clemente Bastos xa enviou un escrito ao concello solicitando que os responsables se fagan cargo da perda económica que supuxo esta mortandade para os traballadores do mar e reclamando que se acometan as medidas aportunas para recuperar o lugar. Explica Bastos que a capa de lodo que apareceu nas inmediacións do muro recentemente construído na praia de Cesantes foi a causante de que se perderan ao redor de 1.500 kilos de ameixa, un 20% do total. "As mariscadoras están agora a traballar para retirar canto ante a mercancía e evitar que morra todo o marisco" e continuarán os controis por parte da propia bióloga da confraría así como por técnicos da Xunta para ver a evolución de berberechos e ameixas.


Bastos criticou dende o principio a obra feita no lugar e lembra que ademais do lodo provocou tamén que ese tramo de praia quedara convertido nun pedregal. Entende que agora terán que actuar os responsables municipais retirando a pedra e botando a area para recuperar o seu aspecto orixinal.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: