www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 10 de Decembro de 2018

O BM Chapela reduce o seu persoal para a próxima temporada co obxectivo da permanencia
Deporte • 2/06/2015
Autor: Ana Prieto

Os resultados da campaña que vén de rematar son "negativos" para o presidente do club, Manuel González Soto, xa que o equipo aspiraba a entrar na fase de ascenso á División Prata, e non foi posible. Na próxima temporada o orzamento obriga a recortar gastos, polo que reducirán o cadro de xogadores mantendo a Fran Teixeira no banco de adestrador.


O presidente lamenta que o equipo non fora quen de superar a cuarta praza da Primeira Nacional, por detrás de Cisne, Novás e Seis do Nadal, equipos aos que se impuxo ao longo do campionato. Para Soto a temporada foi unha decepción, xa que o Construcións Castro Chapela perdeu puntos ante rivais máis febles. Con todo, quere pensar no futuro, e aposta por facer un equipo competitivo para a Primeira Nacional, pero "recortando gastos". O presidente explica que se reducirá o actual cadro de xogadores e manterán a Fran Teixeira no banco de adestrador. Fixa como obxectivo a permanencia, aínda que non desbota poder optar aos postos de fase de ascenso. En canto á categoría feminina, celebra a quinta praza acadada polas xogadoras de Lupo, que fixeron unha espléndida temporada na División de Prata. Confía en que na próxima temporada poidan consolidar a categoría e mesmo mellorar algunha posición.


Campus de Verán


O Construcións Castro Chapela organiza no mes de xullo o seu habitual Campus de Verán, dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 15 anos de idade. Realizarase na semana do 13 de xullo no pavillón de deportes de Chapela. A inscrición custa 100 euros para os membros do club, e 110 para o resto de participantes. O prezo inclúe a equipaxe e a comida, xa que tanto o xantar como a merende se realiza no propio pavillón a cargo dunha empresa de catering. Na fin de semana, os días 18 e 18 de xullo, disputarase o torneo de Balonmán Praia. E para o mes de agosto preparan o campamento de verán, en horario de mañá, no que organizan actividades formativas, deportivas e lúdicas.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: