Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Aberto o prazo para se inscribir no programa de conciliación de verán
Sociedade • 1/06/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O programa municipal de conciliación desenvolverase durante todo o mes de xullo en horario de 9:30 a 13:30 horas en oito parroquias e está orientado a nenos e nenas de idade comprendidas entre os 4 e os 14 anos que se inscriban previamente no rexistro do concello. A convocatoria conta cun total de 225 prazas e o prazo de inscrición estará aberto dende hoxe luns día 1 de xuño ata o vindeiro mércores 17. Máis información no Centro de Información ás Mulleres ou no teléfono 986 40 80 43.


Unha actividade organizada dende a Concellería de servizos sociais, muller e igualdade que se vai desenvolver nas parroquias de Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Negros, Redondela, Saxamonde e Ventosela. O principal obxectivo desta actividade é promover a conciliación da vida familiar e laboral nas familias do noso concello durante estas vacacións de Verán, ao mesmo tempo que ofrecer a posibilidade de que as nenas e os nenos dispoñan dun espazo lúdico alternativo neste período de vacacións. Este Programa, ao que hai que inscribirse previamente, ofértase para nenas e nenos de 4 a 14 anos, cuxa nai ou pai teña unha antigüidade no empadroamento no concello de Redondela de como mínimo 1 ano.


O programa desenvolverase durante todo o mes de xullo nos centros culturais de Cabeiro (15 prazas), Cedeira (30 prazas), Cesantes (15 prazas), no centro cultural Chan das Pipas en Saxamonde (30 prazas), na asociación deportivo cultural Miñoteira en Ventosela (15 prazas) e na asociación de veciños Santo Estevo de Negros (30 prazas). En Chapela ofértanse 15 prazas na Asociación cultural de Cidadelle e outras 15 no Multiusos do Piñeiral. No casco urbano de Redondela ofértanse 30 prazas no Multiusos da Xunqueira e outras 30 no pazo de Pousadouro.


En total de 225 prazas que serán adxudicadas por rigoroso orde de entrada da Ficha de inscrición no Rexistro Xeral do Concello, reservando 10 prazas para menores con necesidades educativas especiais.


As persoas interesadas deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello de Redondela a ficha de solicitude de participación, que se pode descargar da páxina web do Concello ou recollela nas oficinas do Centro de Información ás Mulleres (CIM), antes do vindeiro 17 de xuño.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: