www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

Fomento investirá preto de 400.000 euros para mellorar a estrada N-555
Sociedade • 28/05/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A estrada que comunica Redondela co aeroporto de Peinador dotarase de beirarrúas en varios tramos e no seu inicio instalarase un semáforo co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nun tramo cunha alta intensidade de tráfico. Veciños e concello levan anos demandando que se acometan diferente obras de mellora no vial.


Os veciños de Cedeira e Negros residentes na contorna da estrada N-555 (Redondela-Peinador) verán atendidas parte das súas demandas logo de que o Ministerio de Fomento aprobase o proxecto de mellora cun orzamento base de licitación de 388.858 euros.


A actuación consistirá na construción de beirarrúas en varios puntos da estrada como na contorna da igrexa e o centro cultural de Santo Estevo de Negros, onde hai varias curvas moi pechadas e de escasa visibilidade. En concreto, a actuación afectará a tres tramos entre os puntos quilométricos 1,8 e 3. O proxecto inclúe  construción dun paso de peóns con semáforo na rotonda das Cardosas, ao comezo da estrada.


A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia iniciou o trámite de información pública dos bens e dereitos afectados por esta actuación, cuxos propietarios disporán dun prazo de vinte días hábiles para presentar as súas alegacións a partir da data de publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: