www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Sen sorpresas en Meira coa vitoria do Club de Remo Chapela na Absoluta Feminina
Deporte • 25/05/2015
Autor: Ana Prieto

Tal como se agardaba, así transcorreron as finais dos campionatos provinciais de traineriñas celebrados onte en augas de Meira. A atletas de Chapela, superiores ao longo da temporada, non deron opcións ás rivais. O mesmo aconteceu con Mecos en Xuvenil Masculino e Tirán en Absoluto Masculino.


Os equipos que viñeron dominando as regatas ao longo da curta tempada adxudicáronse os títulos sen apuros. A embarcación de Chapela voa cara a metas ambiciosas e onte volveron demostrar as súas grandes posibilidades no Campionato de España cunha vitoria que xa se debuxaba na primeira virada. Dezaoito segundos sobre as súas perseguidoras dan mostra da súa clara superioridade. As de Mecos foron segundas con Samertolaméu en terceira posición, a un segundo das do Grove. Os xuvenís de Mecos tamén conquistaron unha vitoria soberana e anunciada. A metade de regata xa lideraban con 20 segundos por diante de Tirán que os seguía, mentres Robaleira que foi o seu directo rival na tempada quedou na cuarta praza. Os mozos de Mecos, campións de España de bateis, teñen como obxectivo a bandeira do nacional de traineriñas. E na categoría absoluta masculino, de novo Tirán erixiuse como gran campión, aínda que contando coa oposición do equipo de Moaña, que non llo puxo doado. Amegrove tentou romper a regata nos dous primeiros longos, pero non puido manter o ritmo e foi terceiro. A próximo fin de semana celébrase o Campionato de Galicia de traineriñas en augas arousás de Cabo da Cruz, onde se enfrontarán os equipos clasificados das probas territoriais norte e sur, para repartirse os pases para o Campionato de España, que se celebra en Santander os días 6 e 7 de xuño próximo.


Resultados: Absoluto feminino: 1. Chapela, 16.32:44; 2. Mecos, 16.50:47; 3. Samertolaméu, 16.51:96; 4. San Martiño, 17.14:34; 5. Tirán, 18.17:59. Xuvenil masculino: 1. Mecos, 15.44:73; 2. Tirán, 16.09:52; 3. Samertolaméu, 16.34:53; 4. Robaleira, 16.43:40; 5. Virxe dá Guía, 17.01:62. Absoluto masculino: 1. Tirán, 14.28:91; 2. Moaña, 14.33:47; 3. Amegrove, 14.39:72; 4. Samertolaméu, 14.50:41; 5. Mecos, 14.51:81.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: