www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Os políticos apuran as últimas horas de campaña e intensifican os actos
Política • 22/05/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Último día para pedir o voto e as diferentes formacións que acoden a estes comicios celebran hoxe actos diversos para despedir esta intensa campaña electoral na que todo está aberto. O PP apelará aos seus potenciais votantes nun mitin que terá lugar no Multiusos de Chapela ás 20:30h. O PSOE estará na mesma parroquia ás 19:30 nun acto no CEIP Laredo e pechará a campaña ás 22:00h no Convento de Vilavella.  Redondela Pode fará o propio ás 20:30 na Casa da Cultura e AER despedirá a campaña cunha festas a partir das seis na praza da Casa da Torre. Son Redondela anuncia que suspenden os actos previsto para hoxe "debido a un accidente de trafico padecido pola nai dunha das nosas candidatas". O BNG opta por acudir ao mitin nacional que terá lugar en Vigo.


Non hai nada escrito sobre o que poida acontecer o vindeiro domingo en Redondela e ante esta situación os partidos políticos dan o resto nas últimas horas de campaña. Cada un faino dun xeito diferente: mitins ao uso, conversas cos veciños ou mesmo festas para pechar unha intensa campaña cuxo resultado verase nas urnas o vindeiro domingo.


O obxectivo do PP de cara a estes comicios é claro: revalidar a súa presenza na alcaldía. O seu candidato Javier Bas asegura que o seu partido é "o único das sete formacións que concorren a este comicios de maio que presentan un proxecto testado fronte unha amalgama de partidos que carecen de estrutura de goberno e cuxo principal obxectivo é que o PP non goberne". Con todo, é consciente que a marca PP pódese ver afectada polo regueiro de casos de corrupción que está a sair a luz a nivel estatal. Para desmontar este argumento envía a mensaxe de que "a nivel local priman as persoas e no noso concello levamos catro anos demostrando que nos move o traballo, a humildade e a lealdade".


O PSOE pola súa banda quere recuperar unha alcaldía que perdeu catro anos atrás. Precisamente "recuperar un goberno de esquerdas" é o obxectivo que o seu candidato Eduardo Reguera se marcou nesta campaña e asegura que  "malia a atomización do voto entre o apoio maioritario no noso concello será para as formacións de esquerda tal e como xa acontecera nos últimos comicios municipais". Amósase aberto aos pactos electorais para evitar que repita na alcaldía "un goberno do PP que se esqueceu de dar resposta ás necesidades da xente".


Tamén Xoán Carlos González, cabeza de lista do BNG confía en que o seu partido experimente un importante repunte no noso concello logo de varios anos perdendo votantes. Entende que a xente busca "organizacións como a nosa: abertas, democráticas e comprometidas co país, nun momento no que o PP perde apoio polas súas políticas antisociais e o PSOE atópase sumido nunha profunda crise interna".


A cuarta forza que actualmente ten representación, a Agrupación de Electores presenta como candidato a Ricardo Figueroa. Logo do acontecido hai catro anos cando o seu único representante converteuse en chave de goberno ante o empate técnico de PP e a suma de concelleiros de PSOE e BNG todos queren saber que farían ante unha situación semellante a partir do domingo, eles insisten "agora a formación atópase noutro momento, chegamos cun programa electoral que queremos cumprir, AER non entrará a formar parte dun goberno de coalición pero non nos presentamos cunha decisión xa tomada sobre posibles decisións ou apoios postelectorais".


Pero tamén nestas eleccións hai outras formacións que se presentan co obxectivo de entrar no concello. A candidata de Son Redondela, Luisa Cayetano explica que Son Redondela é unha formación de esquerdas que quere entrar no concello para promover políticas centradas nos servizos sociais, na cultura e no emprego que, ao seu entender, son as grandes carencias de Redondela. Clara e contundente explica tamén que en ningún caso de estar na súa man permitirían un goberno do PP.


Finalmente dende Redondela Pode, Mar Núñez defende como prioritario desaloxar ao PP da alcaldía e recuperar "políticas que dean prioridade a creación de emprego e a atención das persoas con maiores necesidades".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: