www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Un areal cheo de pedras
Política • 19/05/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O PSOE denuncia a aparición de cascallos, pedras e lousas no areal de Cesantes, unha situación que segundo denuncian "é consecuencia da desfeita provocada pola construción do muro da praia". Explican que cando se procedeu a construción deste muro "depositouse unha gran cantidade de terra e escombros enriba da area e, a pesar de que o goberno municipal anunciou que isto non se estaba a producir, co traballo do mar agora pódense ver numerosas pedras ao descuberto de considerables dimensións e de orixe externo así como restos de cascallo e pezas de lousas, similares as que se utilizan nas cociñas das vivendas".


O tramo da praia ao carón do polémico muro recentemente construído en Cesantes presenta dende hai días unha morea de pedras de diferente dimensión. Un feitos que ao entender do PSOE é consecuencia directa da actuación acometida no lugar Explica o edil Leonardo Cabaleiro que "no seu día advertimos de que o muro carecía da inclinación adecuada para o lugar onde se estaba a construír e que as obras non se estaban a facer do xeito adecuado, soamente unhas semanas despois é evidente que tiñamos razón porque o mar continúa traballando e arrastra a terra deixada trala construción do muro, de forma que deixa ao descuberto pedras grandes e lousas. Todos materiais externos, que antes non estaban no areal nin son propios deste lugar".


Os socialistas aseguran que o muro era unha necesidade e que dende a súa formación defendías a súa construción pero "advertimos que as cousas non se estaban a facer ben, que non se estaba optando pola solución técnica adecuada e que tampouco se estaban poñendo as medidas medio ambientais adecuadas e agora queda todo patente". O concelleiro engade que "Javier Bas é o único responsable desta chambonada de obra, que constitúe o mellor exemplo de como unha boa idea pódese executar de xeito horrible".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: