www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Os traballadores de Urbaser instan ao goberno local a involucrarse para evitar a folga
Sociedade • 11/05/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A folga na recollida do lixo iniciarase o vindeiro luns día 18 se empresa e traballadores non chegan a un acordo que evite o conflito. O representante sindical Alberto Covelo denuncia a negativa da dirección da empresa a sentarse a negociar un "acordo de mínimos" e solicita ao alcalde que medie no conflito xa que por tratarse dun servizo privatizado o responsable último é o goberno local.


Dentro dunha semana podería arrancar unha nova folga na recollida do lixo, unha medida impopular que os traballadores queren evitar pero que pasa necesariamente porque a dirección de Urbaser retome as negociacións e se aveña a aceptar un acordo que os operarios entenden de mínimos. "As nosas demandas xa se foron reducindo notablemente pero como mínimo esiximos un aumento salarial anual de algo máis de 300 euros" explica Covelo, quen lembra que os traballadores cobran unha media de mil euros e que o incremento demandado é perfectamente asumible por Urbaser.


Ante a negativa da empresa a avanzar nas negociacións xa anunciaron o inicio da folga para o vindeiro luns día 18 e veñen de solicitar ao concello que dende o goberno local se emprace a Urbaser a retomar as negociacións, que o alcalde medie no conflito e que se convoque a xunta de portavoces.


Os traballadores convocan este xoves ás 18:30 horas unha asemblea informativa diante do concello para explicarlles aos veciños os motivos que os levan convocar esta protesta.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: