www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Conferencias, música e exposicións para conmemorar o Mes das letras
Cultura • 6/05/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan as actividades programadas para celebrar as Letras Galegas 2015, dedicadas este ano a ao escritor e historiador pontevedrés, Xosé Filgueira Valverde. Un programa que arrancará este mércores 6 ás 20:30 horas coa presentación do libro "Xosé Filgueira Valverde, biografía intelectual" obra do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.


A Real Academia Galega decidiu dedicar as Letras Galegas 2015 ao insigne escritor e historiador pontevedrés, "para saldar unha débeda histórica que a RAG tiña con Filgueira Valverde", en palabras do seu presidente Xesús Alonso Montero, quen "destaca o seu irreprochable compromiso coa defensa e promoción da cultura galega, así como o seu legado intelectual, que constitúe, pola súa amplitude e calidade, un dos máis importantes da segunda metade do século XX". 


A primeira das celebracións que se vai desenvolver en Redondela será este mércores coa presentación ás 20.30 h, na Casa da Cultura do libro publicado por Edicións Xerais de Galicia, "Xosé Filgueira Valverde, biografía intelectual" (Xesús Alonso Montero), a cargo de Fernando Filgueira Iglesias, membro do padroado da Fundación Filgueira Valverde e fillo do homenaxeado.


O domingo 17 de maio ás 12.oo h, nos Xardíns da Alameda terá lugar un acto institucional e ofrenda floral diante da estatua de Daniel Castelao e media hora despois está previsto un concerto no auditorio da Xunqueira a cargo do Coro Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz, cun repertorio de música galega centrado en composicións do músico ponteareán Rogelio Groba, entre as que se inclúe a cantata "Anxos de Compostela", sobre textos de Filgueira Valverde.


O programa continúa o mércores 20 ás 20.30 h, na Casa da Cultura cun relatorio de Henrique Monteagudo, profesor da USC e secretario da RAG baixo o título "O trobador Johan Soarez Somesso, señor de Chapela (1200-1250)".


Xa no mes de xuño entre os días 11e 30 a sala de exposición I do multiusos da Xunqueira acollerá a exposición, patrocinada pola Deputación de Pontevedra, "Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia". Poderá visitarse no horario de apertura habitual da instalación, de 9.00 a 14.00 h e de 16.30 a 21.30 h.


Con esta programación preténdese achegar a obra e a figura de Filgueira Valverde, autor dunha extensa obra de carácter divulgativo que o converte nunha das figuras centrais da cultura galega do século XX; mostrar a capacidade e a utilidade das nosas letras para xerar creacións musicais de calidade, e divulgar, tamén, algúns autores máis descoñecidos cunha especial vinculación co noso concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: