Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O Choco trae un empate de Ribadeo que o mantén en postos de promoción a falta de dúas xornadas
Deporte • 4/05/2015
Autor: Ana Prieto

O equipo de Jacobo Montes ten máis preto a clasificación para o play off de ascenso. Os redondeláns puideron deixar o pase case sentenciado, pero acabaron cedendo un empate. Unha vitoria ante Deportivo B ou Ribadumia outorgaríalles a clasificación matemática.


Terceira División


Ribadeo 1-1 Choco


O Choco aproveitou os primeiros minutos dubitativos dos locais para facer o primeiro tanto do partido, obra de Félix nunha xogada na que aproveitou unha contra para bater a Javi Liz, xa no ecuador da primeira parte. Co resultado en contra, os lucenses empezaron a apertar, aínda que non foron capaces de culminar ningunha das ocasións das que dispuxeron e o encontro chegou ao tempo de descanso con vantaxe para os de Montes. Na segunda parte cambiaron as tornas cando, no minuto 55 empatou o Ribadeo cun tanto de Rafa Casanova despois dunha falta que lanza Cortegoso. Coa igualada no marcador, o colexiado expulsou a Saúl, o que obrigou a un esforzo extra dos redondeláns que, malia estar cun menos, dispuxeron de opcións para poderse levar os tres puntos do Pepe Barreira. Pero tamén o Ribadeo tivo ocasións para facerse cos tres puntos. Polo tanto, un empate para festexar e que deixa boas sensacións. E é que o Choco mantén catro puntos de colchón sobre a quinta posición que comparten Bergantiños e Ribadeo a falta de dous partidos. Unha vitoria ante o Deportivo B ou o Ribadumia outorgaría a clasificación matemática para a promoción de ascenso ao equipo de Redondela. Unha fazaña para un dos conxuntos máis modestos da categoría e que agora está a un paso do milagre. Na próxima xornada, o Ribadeo visitará ao Rápido de Bouzas e o Choco recibirá en Santa Mariña ao Deportivo B. Os coruñeses son segundos, praza que teñen asegurada ao avantaxar en 7 puntos ao Cerceda, o terceiro clasificado.


Ribadeo FC: Javi Liz, Fernando (Jacob, min.88), Isma (Miguel, min.65), Koki, Álex, Dapo, Rafa Casanova, Javicho, Criss (Adrián, min.80), Santi, David Rodríguez


CD Choco: Cortegoso, Pablo Piñeiro, Saúl, Lucas, Carminati, Muíños, Gonza, Fernando, Félix (Cris, min.70), Hugo (Ricard, min.89), Silva (Róber, min.65)


Goles: 0-1, min 21: Félix; 1-1, min 55: Rafa Casanova.


Árbitro: Javier González Arevalo. Amoestou a Rafa Casanova polo Ribadeo e a Muíños e Hugo polo CD Choco e expulsou con dobre cartón a Saúl do Choco no minuto 75.


Segunda Autonómica



Choco B 4-1 Vilariño


O filial do Choco lidera o seu grupo logo de golear ao Vilariño, e grazas ao tropezo do Nigrán no campo de A Guía. A tres xornadas de que remate o campionato os redondeláns están en cabeza, un punto por riba do Nigrán, que será precisamente, o seu próximo rival.


Arcade descansou, na próxima xornada xoga no campo do S. Martín, da parte alta da táboa.


Terceira Autonómica



Chapela 0-0 Miño


O Chapela mantén a segunda praza logo do empate co Miño, na próxima xornada recibe ao Santa Eulalia, da metade da táboa


Moledo 3-1 Peña Beretes


O Peña Beretes segue na parte baixa da táboa, na próxima xornada xoga no campo do Mosende, quinto clasificado.


Atl Vilar 1-3 San Juan


A derrota deixa ao Vilar na quinta praza, a próxima fin de semana xoga no campo do Caselas B, que é sexto.


Cesantes descansou, próxima xornada visitan o campo do At. Estación, quintos do grupo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: