Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Ricardo Figueroa: "AER non vai entrar nun goberno de coalición, calquera outro apoio está por ver"
Política • 28/04/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Transparencia, participación directa dos veciños, control das contas municipais, esas eran algunhas das prioridades que moveu aos membros da Agrupación de Electores de Redondela a se presentar hai catro anos aos comicios municipais. Unha candidatura que repite neste 2015 con caras renovadas e con máis experiencia pero con obxectivos semellantes. Neste novo mandato non pechan a porta a un posible acordo postelectoral con outras forzas de cara a desaloxar ao PP da alcaldía pero aseguran que todo dependerá dunha negociación posterior en base ao seu programa electoral.


Hai catro anos eran tallantes na súa decisión de non apoiar a investidura de ningún partido. Un compromiso que foi decisivo cando as urnas lles concederon un único representante que se converteu en chave de goberno ante o empate técnico de PP e a suma de concelleiros de PSOE e BNG. A súa abstención no pleno de investidura supuxo que chegase á alcaldía o PP de Javier Bas, a formación máis votada neses comicios. Malia as críticas que tiveron que soportar por esa decisión non se arrepinten "porque era a decisión tomada antes das elección e tiñamos que respectala" apunta o cabeza de lista Ricardo Figueroa.


Con todo, matizan que agora a formación se atopa noutro momento, chega cun programa electoral que queren cumprir e malia ter claro que "AER non entrará a formar parte dun goberno de coalición, non nos presentamos cunha decisión xa tomada sobre posibles decisión ou apoios postelectorais".


Tanto Figueroa como o número dous da lista, José Bernardo Crespo "Campa" defenden que o seu paso polo concello "malia os atrancos que nos pon o goberno serviu cando menos para facer máis transparente a política local". Fomentar a transparencias e fiscalizar ao goberno foron as cuestións nas que centraron estes anos de oposición. "Intentamos informar aos veciños para que poidan opinar con criterio" conclúe Campa.


Confían en que a cidadanía vexa ese traballo e que lles dean o seu apoio para incrementar así o número de representantes na corporación. Adiantan tamén que neste mandato haberá alternacia nos cargos e pasados dous anos procederase ao intercambio de concelleiros.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: