www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Jacobo Montes: "O Choco aínda non tocou teito"
Deporte • 28/04/2015
Autor: Ana Prieto

O conxunto redondelán está en postos de promoción de ascenso a tan só tres xornadas de que remate o campionato. Toda unha fazaña froito do traballo dos xogadores e do bo facer do seu técnico, Jacobo Montes, que conseguiu sacar o mellor dun equipo "que segue medrando". Sobre o seu futuro, o adestrador sinala que "aínda é cedo" para falar da próxima temporada.


O Choco xoga o domingo no Municipal Pepe Barrera, onde defenderá a cuarta praza diante do seu inmediato perseguidor, o Bergantiños. Montes advirte que será un encontro "moi difícil", xa que os anfitrións teñen no seu terreo un verdadeiro fortín. Será a primeira das tres finais que ten por diante o equipo redondelán para manterse en postos de promoción de ascenso, e con catro puntos de distancia sobre o quinto, no club non rexeitan o cartel de "favoritos". O adestrador recoñece que son "os mellores situados" para facerse coa praza, e lembra que o equipo xa saíu airoso das complicadas citas das últimas xornadas. Porque se de algo está orgulloso o míster é, precisamente, do rendemento do seu equipo. O Choco está a mellorar "xornada tras xornada" en moitas facetas do xogo, polo que Montes afirma que segue a sorprenderse do alto nivel do equipo, que "segue a medrar". Acadar a promoción de ascenso sería "un soño feito realidade" que cada vez está máis preto. E no caso de non acadalo, para o adestrador tampouco sería un fracaso, xa que o seu obxectivo desde comezo da temporada era "a permanencia", reto superado hai xa varias semanas. Agora quedan tres xornadas por diante, e posiblemente a fase de promoción de ascenso, ademais da Copa Deputación. Por iso o técnico non quere pensar aínda no seu futuro. Coa súa traxectoria non sería raro que equipos de maior entidade se interesasen por el, pero polo de agora só pensa en rematar os seus compromisos co C.D Choco, e afirma sentirse "moi a gusto" e "orgulloso como redondelán" de dirixir ao equipo local.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: