www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Fran P. Lorenzo presenta a novela gañadora do Blanco Amor "Cabalos e lobos" no Multiusos
Cultura • 28/04/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O autor de Cabalos e lobos, a novela gañadora da XXXII edición do Premio Blanco Amor, presenta a súa obra o vindeiro mércores 29 de abril, ás 20.00 h, na sala II do multiúsos da Xunqueira, dentro da programación da VII Semana do libro, a festa das palabras, que organizan as Bibliotecas de Redondela e o Servizo de Normalización Lingüística. Acompañarao Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia.


O xornalista vigués, Fran P. Lorenzo achéganos, na súa primeira novela, o retrato íntimo da historia dun século marcado pola guerra, o totalitarismo e a barbarie, a fotografía do combate individual dos seus protagonistas para conseguir aquilo que desexan, co pano de fondo da cidade de Vigo.


A protagonista, Paula, descobre a súa orixe descoñecida, emparentada cunha familia de empresarios alemáns asentados no porto vigués a finais da I Guerra Mundial, e a sucesión de mentiras e segredos que envolven a súa historia familiar.


Fran P. Lorenzo (Vigo, 1973) é xornalista, da primeira promoción de profesionais formados na universidade galega, e dedícase á información cultural nas páxinas de El Correo Gallego. Cabalos e lobos (Xerais, 2015) a súa primeira novela, recibiu en 2014 o XXXII Premio Blanco Amor.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: