www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

Intercambio de libros por alimentos nun carriño solidario da biblioteca de Soutomaior
Cultura • 23/04/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Libros e películas que por diferentes razóns son eliminados do catálogo da biblioteca teñen unha segunda vida grazas a unha iniciativa "permanente e de carácter solidario" que ten en marcha esta biblioteca. Todos os interesados poden facerse con este material trocándoo por algún alimentos non perecedoiros que será entregado a Cáritas. Unha iniciativa posta en marcha co gallo da X semana do libro que este venres conclúe o seu programa de actividades cun espectáculo infantil.


Fátima Fernández será a encargada de pechar esta semana de actividades co seu espectáculo "Érase unha vez uns zapatos" ao que poden asistir nenos e nenas a partir de cinco anos este venres ás 17:30 horas.


Con todo, a biblioteca manterá outras actividades de xeito permanente, como o seu "carriño solidario" a través do cal intercambian libros por alimentos. Unha iniciativa que pretende dar saída a todo o material que por diferentes motivos non ten oco nos andeis da bibliotecas pero que se atopa en bo estado e pode resultar interesantes aos lectores.


Libros e películas cedidos por institucións varias, pola propia administración, pais e nais que doan os libros infantís consonte crecen os seus fillos ou persoas que por motivos de espazo deciden ceder á biblioteca parte dos seus fondos. Se algún dos exemplares do carriño resulta interesante pode levalo en propiedade cedendo algún alimento non perecedoiro que se lle entregará a Cáritas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: