www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Todos os alcaldes da bisbarra optan á reelección
Política • 23/04/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O PP volve apostar polos tres candidatos que no 2011 lle permitiron acceder ou conservar as alcaldías de Redondela, Soutomaior e Pazos de Borbén. Así, repiten por este partido como cabeza de lista Javier Bas, Agustín Reguera e Andrés Iglesias. Pola súa banda, en Fornelos de Montes, único concello en poder dos socialistas na nosa bisbarra, repite tamén como candidato o actual alcalde Emiliano Lage. Ademais das novas formación que se presentan en Redondela (Son Redondela, Redondela Pode e Ciudadanos de Centro Democráticos) a única novidade na comarca atopámola en Pazos coa irrupción da agrupación de electores "Alternativa Veciñal" liderada por Luciano Otero.


Sete son as candidaturas que se presentan en Redondela coa presenza de tres novas propostas que se suman a PP, PSOE, BNG e AER, formacións que se xa se presentaran ás eleccións municipais catro anos atrás. Un amplo abano de opcións para os veciños de Redondela á hora de depositar o seu voto que non se repite no resto dos concellos da bisbarra.


En Soutomaior presentan candidatura tan só os partidos tradicionais. O PP aposta novamente por Agustín Reguera, alcalde deste concello dende ano 1995. Vinte anos despois volverá presentarse á reelección nuns comicios nos que si se vai enfrontar a caras novas, porque tanto BNG como PSOE veñen de renovar as súas candidaturas. Manuel Lourenzo é o candidato presentado polos nacionalistas mentres que o PSOE presenta unha lista liderada por Verónica Montero.


En Pazos de Borbén o PP reedita a candidatura de Andrés Iglesias, alcalde dende o ano 1999. Un candidato que deberá enfrontarse ao nacionalista José Alvarez e ao socialista Carlos Garrido. Neste concello irrompe tamén unha agrupación de electores "Alternativa Veciñal" encabezada polo actual concelleiro non adscrito Luciano Otero Camiña. Unha proposta política que nace, segundo explican "do convencemento de que, especialmente na difícil situación de crise que vivimos, os partidos clásicos non souberon estar á altura das necesidades da poboación, uns sumidos na corrupción mais absoluta e outros poñendo por diante os seus propios intereses partidarios antes co ben común".


Finalmente, en Fornelos de Montes, único concello da bisbarra non gobernado polos populares, o PSOE espera repetir o éxito de comicios anteriores presentando unha listas liderada polo actual alcalde Emiliano Lage. Os seus rivais nesta ocasión será José Antonio Freaza do BNG e José Manuel Batista do PP.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: