www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

A abstención de AER permite ao PP modificar os investimentos do Marisma Máis
Política • 1/04/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Unha achega económica de 400.000 euros dos fondos Feder que estaba previsto investir en obras que non se van realizar como o Centro de Día de Trasmañó, o embarcadoiro de Chapela e a recuperación do entorno da Torre de Rande finalmente non se perderá logo de que o pleno aprobase unha reestruturación do proxecto Marisma Máis. A proposta do goberno local que saíu adiante cos votos en contra de PSOE e BNG e a abstención de AER pasa por solicitar que eses cartos se poidan investir noutras actuacións xa en marcha como o pavillón de A Marisma.


A edil de facenda, Ana Alonso defendía a reestruturación do proxecto como único xeito de non perder os 400.000 euros procedentes dos fondos Feder.


BNG e PSOE amosaron a súa negativa a trasladar esas partidas e tacharon ao PP de "irresponsables" por non acometer as obras previstas e solicitar un cambio no proxecto "investindo aínda máis cartos nunha mega infraestrutura deportiva como é o pavillón no que xa se levan metidos máis de dous millos de euros" en palabras da nacionalista Cecilia Pérez Orge.


Mesmos argumentos os esgrimidos dende o PSOE. Eduardo Reguera explicaba que "a nosa responsabilidade é votar que non porque non se levou adiante un proxecto consensuado con partidos políticos e cidadáns e non podemos ser partícipes de trasladar cartos do centro asistencial ao pavillón".


Unha proposta que se rexeitou nun pleno anterior e que onte lograba saír adiante pola abstención de AER. O seu concelleiro Alfonso Blanco malia as súas críticas ao goberno local "pola súa falta de xestión que os levou a renunciar a un centro de día en Trasmañó" anunciou a súa abstención "porque estamos a falar dos cartos dos redondeláns".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: