www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Chapela, Samertolameu, Robaleira, Vilaxoán, Mecos e Tirán triunfan na Bandeira de Redondela
Deporte • 30/03/2015
Autor: Ana Prieto

Un total de seis clubs repartíronse as sete Bandeiras Concello de Redondela que onte pola mañá se celebraron en augas do porto de Cesantes. Samertolaméu foi o único que repetiu con dúas vitorias. O C.R Chapela fíxose con unha, igual que Robaleira, Vilaxoán, Mecos e Tirán. Na xornada do sábado Chapela impúxose na Bandeira Concello de Cangas en categoría masculina.


Participaron tamén como convidados os clubs Cabo da Cruz e Náutico de Ribeira acompañando aos habituais da provincia, aínda que sen opcións ás Bandeiras de Honra e unicamente Cabo da Cruz conquistou dúas segundas posicións, porque para as vitorias os equipos da provincia de Pontevedra non deron opcións aos da zona norte. Na categoría promesa feminino as mozas de Vilaxoán están a impoñerse nas últimas regatas. En xuvenís Robaleira sumou a súa oitava vitoria consecutiva. En absoluto feminino Chapela, con 41 centésimas, gañou a Samertolaméu. Nas categorías masculinas, vitoria de Samertolaméu en infantís, seguido de Vilaxoán a centésimas e en cadetes foi Samertolaméu o campión con Cabo a pouca distancia. Na proba de xuvenís os mozos de Mecos, moi superiores, demostraron a súa superioridade e sacaron a Tirán, segundo clasificado, 21 segundos. Mecos segue invicto, sumando a súa oitava bandeira. E en absoluto masculino o vencedor foi Tirán, seguido de Moaña.


Chapela imponse na Bandeira Concello de Cangas


Na xornada do sábado o C.R. Chapela subiu tamén ao máis alto do podio na Bandeira de Bateis Concello de Cangas. Os redondeláns, xunto co club de Vilaxoán, fíxose co gran premio da décimo sexta edición da Bandeira de Bateis do Concello de Cangas, que se disputou o sábado fronte ao dique de Cangas. Así pois, Vilaxoán fíxose coa Bandeira Feminina e Chapela coa Masculina. O club arousán cimentou a súa vitoria no triunfo na categoría de promesas, onde venceu con máis de dous segundos de marxe sobre Chapela, e no segundo posto en categoría absoluta. En canto as tripulacións do Morrazo, na modalidade feminina destacaron Samartolameu, que venceu na categoría absoluta e foi terceira en promesas, e o club anfitrión, Vila de Cangas, segundo en xuvenís. Pola súa banda, Chapela gañou a Bandeira Masculina grazas á súa vitoria en cadetes por só 63 centésimas contra Robaleira e á súa segunda posición en infantís. Obtivo 18 puntos polos 17 de Mecos e os 16 de Tirán. Vila de Cangas venceu en categoría infantil con máis de catro segundos de diferenza e Tirán gañou na absoluta por só 72 centésimas nun final axustado contra os seus veciños tamén morracenses de Moaña.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: