www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

Inserción laboral e integración social con “Clara”
Institucional • 7/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade pon en marcha por segundo ano consecutivo o programa “Clara” co obxectivo de promover o acceso das mulleres ao mercado de traballo e a súa inserción social


Orientado a mulleres de tódolos ámbitos e idades está xa aberto o prazo de inscrición para participar no Programa “Clara”, co que se persegue mellorar a calidade de vida das mulleres con dificultades de integración a través dunha mellor cualificación para o emprego. Así, ata decembro todas as participantes do curso desenvolverán dinámicas grupais orientadas a traballar habilidades sociais, coñecementos, comunicación e perspectiva de xénero, accións todas elas encamiñadas a que estas mulleres superen as dificultades coas que se enfrontar á hora de atopar traballo.


Dificultades xenéricas polo feito de ser muller así como específicas de cada unha delas que, segundo explicaba a coordinadora do curso, se refiren habitualmente a carecer de formación axeitada, ser inmigrante ou ter unha baixa autoestima


A espectativa primordial de todas elas, segundo a experiencia do pasado ano, é atopar emprego. Un obxectivo que está en fase de realización xa que a maior parte das 21 mulleres que formaron o programa Clara no 2008 están agora realizando cursos de formación ou en proceso de procura activa de emprego.


As mulleres interesadas poden solicitar información no teléfono do Centro de Información ás Mulleres 986 40 80 43, ou nas oficinas da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, sitas na Rúa Isidoro Queimaliños, 2.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: