www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

O Choco deixa escapar un punto nos últimos minutos do partido ante o Rápido de Bouzas
Deporte • 23/03/2015
Autor: Ana Prieto

Partido entre dous equipos fortes da categoría e cun claro compoñente táctico. Foi mellor o Rápido de Bouzas porque logrou impoñer o seu estilo de xogo a un Choco que non atopou as súas habituais combinacións na medular para facer dano ao rival no Baltasar Pujales.


Terceira División


R.Bouzas 1-0 Choco


O primeiro tempo estivo marcado polo xogo dos locais, que pecharon no seu campo aos redondeláns, aínda que non creaban perigo real ante Cortegoso. A ocasión máis clara chegou pasada a media hora de xogo nunha acción trenzada entre Sergio Santos e Jacobo. O atacante fixo o primeiro remate, que sacou o porteiro do Choco. Tomás chegou ó rexeite, pero rematou mal e o esférico foi de novo ós pés de Jacobo que, no seu segundo intento, enviou o balón fóra. Antes do descanso, o Rápido tería dous remates máis, pero sen consecuencias, mentres que o Choco careceu de xogo de ataque. O equipo de Jacobo Montes mellorou tras o paso polo vestiario, e decidiu dar un paso adiante. Deste xeito, apareceron máis espazos ás costas das dúas defensas e tamén as ocasións. Diego Diz asistiu a Jacobo na primeira opción do segundo acto, pero enviou fóra e, a continuación, foi o Choco o que tivo a súa ocasión nunha disparo de Hugo que marchou preto do longueiro. Deste xeito, ambos equipos pareceron meterse o medo no corpo e, de novo, pasaron a unha fase do enfrontamento na que os porteiros tiveron pouco traballo. Moita loita na medular e escaso fútbol de ataque ata os derradeiros cinco minutos. Diz tivo unha primeira ocasión, e, a continuación, Carlos Pereira recolleu un balón no área e realizou o remate que superou a Cortegoso e tamén o intento de despexe de Yago Vázquez. Gol do Rápido a tres minutos do final. O Choco, que xa tiña esgotados os cambios, lanzouse ó ataque para tentar empatar o partido e tivo dúas opcións para facelo. A primeira nun remate de Hugo, que se foi cruzado, e a segunda nun disparo dende a frontal de Aitor Gómez que rozou o longueiro. Coa vitoria do Rápido rematou un enfrontamento directo que deixa ó equipo vigués na cuarta posición e o Choco na quinta con dous puntos menos. Ambos equipo en plena loita por entrar na promoción de ascenso. Na próxima xornada os de Jacobo Montes recibirán en Santa Mariña ao equipo das Pontes, que malia estar na metade baixa da táboa, tan só suma catro puntos menos que os redondeláns.


Rápido de Bouzas:Sergio Ríos, Pablo Férnandez, Pablo García, Yago Yao, Portas, Sergio Santos, Iago Paz, Chema (Miki, min. 65), Tomás, Diego Diz (Gabi Misa, min. 84), Jacobo (Carlos Pereira, min. 75).


Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Saúl, Lucas, Carminatti, Fernando, Gonza (Pablo Pilñeiro, min. 59), Xosé Ramón (Molinos, min. 79), Hugo, Comis (Aitor Gómez, min. 67), Félix.


Gol: 1-0, min. 87: Carlos Pereira.


Árbitro: Alexandre López. Amonestou a Xosé Ramón, do Choco.


Segunda Autonómica



Racing de Castrelos 1-3 Choco B


O filial do Choco impúxose no Monte da Mina, e mantén a cuarta praza do grupo. Na próxima xornada recibe en Redondela ao Matamá, o seu inmediato perseguidor na táboa, aínda que xa a 11 puntos de distancia.


Amanecer 2-0 Arcade


Nada puideron facer os de Soutomaior ante o equipo que é líder intratable do grupo. O resultado deixa ao Arcade afundido na parte baixa da táboa. Na próxima xornada volven xogar fóra, no campo do S. Adrián.


Terceira Autonómica



Santomé 3-2 Cesantes


O Cesantes segue na parte baixa da táboa, logo da derrota no campo do Santomé. O domingo volven xogar como visitantes, no campo do Cotobade, terceiro do grupo.


Moledo 1-3 Chapela


Tiveron que sufrir os redondeláns para superar ao Moledo. Os goles de David, Miguel e Rafael déronlle os tres puntos. Na próxima xornada o Chapela, que é 3º, recibirá ao Coia, que é 7º.


Peña Beretes 0-1 Nieto


No partido escaseou o bo xogo, e o Nieto, matematicamente campión da liga, xogou con varios futbolistas da categoría xuvenil. O gol fíxoo Cristian no comezo da segunda parte. Os de Chapela desprázanse na próxima xornada ao campo do Santa Eulalia, situado na metade da táboa


Atios B 0-0 At. Vilar


Reparto de puntos nun encontro sen goles. Os de Redondela, que son quintos, recibirán o domingo ao pechacancelas, o Louredo.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: