Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 21 de Agosto de 2018

Música con Guadi Galego e cine con Os Fenómenos dentro da programación cultural
Cultura • 19/03/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A Rede de Músicas Soltas, organizada pola Concellaría de Cultura e mais a Central Folque, continúa este sábado co concerto de Guadi Galego quen presentará o sábado 21 ás 21.00 h. no auditorio da Xunqueira o seu novo traballo Lúas de outubro e agosto. O domingo 22 de marzo ás 20.00h, proxectarase no mesmo escenario o filme Os fenómenos, dirixido por Alfonso Zarauza e producido por Zirco Zine e Maruxiña Film, para público adulto. A entrada para cada unha das activiades custa 4€.


A cantante Guadi Galego presenta este sábado en Redondela o seu segundo álbum en solitario, do que vendeu máis de 3.000 copias dende o seu lanzamento a finais de 2014. O concerto, cuxas entradas custan 4 euros e se poden adquirir trinta minutos antes no propio recinto o mesmo día da actuación, enmárcase dentro da Rede de Músicas Soltas.  Guadi actuará na compaña da guitarra de Guillerme Fernández, o baixo de Paco Charlín e a batería de Isaac Palacín.


Este ciclo desenvólvese en Redondela de xaneiro a xuño, nunha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares, en formato próximo e acústico.


Versión Orixinal


O Multiusos acollerá tamén o domingo outra actividade, neste caso de carácter cinematográfico coa proxección da película Os Fenómenos dentro do ciclo Versión Orixinal que organiza Normalización Lingüística. A película de Alfonso Zarauza narra a historia de Neneta, interpretada por Lola Dueñas, no papel dunha muller que vive nunha furgoneta na costas de Almería xunto coa súa parella Lobo (Luis Tosar) e un bebé de ambos. Cando o primeiro desaparece, Neneta decide recoller o seu campamento e volver xunto ao seu fillo á súa cidade natal, Ferrol, onde atopa traballo como peón de obra. A pesar das dificultades que supón a unha muller exercer un traballo de homes, consegue saír adiante e converter á súa cuadrilla na de "Os fenómenos", pola súa altísima produtividade. Pero cando por fin consegue comprarse un piso, estala a burbulla inmobiliaria e a crise paraliza as súas expectativas de futuro.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: