Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Redondela conmemora os 30 anos da primeira sentenza en galego
Sociedade • 18/03/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Os maxistrados Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerta Fidalgo ditaban a primeira sentencia en lingua galega marcando así un fito histórico o 27 de marzo de 1985 promovendo que o noso idioma se fixera un oco tamén no eido xudicial. Co gallo de conmemorar esa data o Concello de Redondela descubría onte unha placa conmemorativa dentro dun acto organizado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e a Irmandade Xurídica Galega.


Un acto institucional que contou cunha nutrida representación política, encabezada polo secretario xeral de política Lingüística, Valentín García Gómez quen sinalou o avance que supuxo este fito histórico para garantir os dereitos da cidadanía galegofalante. Un ámbito, o da xustiza, no que aínda a día de hoxe o idioma común é o castelán pero no que si se están a dar pasos de cara a incrementar o número de sentencias e profesionais que empreguen o galego.


O primeiro deses pasos dábase precisamente hai 30 anos cando os tres maxistrados "nun acto de valentía" segundo explicaba a viúva de Macilla Álvarez, Elisa Polanco "tiveron a iniciativa de empregar un idioma que ata esa data non estaba presente no ámbito xudicial".


Un fito histórico que o edil de Cultura, Julio Alonso, entende que é preciso lembrar por tratarse "dun acto de gran relevancia". Engadía o oportuno do acto de onte xa que é responsabilidade da administración "velar polo noso patrimonio e poñer en valor este tipo de acontecementos".


Un acto que contou tamén coa presenza de Inés Vega Núñez, alcaldesa de Castro Caldelas, terra natal dun dos maxistrados homenaxeado Claudio Movilla, e concello no que se atopa o primeiro documento escrito en lingua galego e datado en 1228. Lembraba que "ser galego é non só nacer en Galicia senón empregar a súa lingua".


O alcalde de Redondela, Javier Bas, subliñaba na súa intervención que o noso concello "foi precursor no uso do galego" motivo polo que non podía deixar de conmemorar esta data transcendental par a lingua galega, unha sentencia que marca "o rexurdimento do galego no eido xudicial".


O secretario xeral de Política Lingüística concluía afirmando que "non poderemos darnos por satisfeitos ata que o galego sexa verdadeiramente un idioma de uso frecuente e normal na práctica de xulgados, notarías e rexistros".


O acto concluíu no Multiusos coa lectura de dous manifestos "Declaracións para sermos máis nós" e a "Declaración de Redondela. Por unha lingua para o dereito" que asinaron 21 avogados exercentes na localidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: