www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Falece un operario tras caer dunha árbore mentres traballaba en Reboreda
Sucesos • 17/03/2015
Autor: Ana Prieto

Un operario dunha empresa de xardinería faleceu esta mañá tras precipitarse dunha árbore cando realizaba un traballo de poda. Segundo informou o 112, o suceso tiña lugar sobre as 9,00 horas deste martes. O home, veciño de o Viso de 66 anos de idade, faleceu logo de precipitarse dunha altura de 12 metros.


Foi un particular o que chamou ao servizo de emerxencias 112 Galicia para pedir axuda en relación a este incidente, tras o que foron alertados Urxencias Sanitarias, Policía Nacional e Local e efectivos do Grumir de Redondela. Os Bombeiros de Baixo Miño tamén foron informados pero non chegaron a intervir ao non estar a persoa atrapada pola árbore e non ser necesaria a excarceración, segundo concretou o servizo de emerxencias. Ao lugar o 061 desprazou unha ambulancia asistencial e un médico de Atención Primaria da zona, que confirmou o falecemento in situ do operario, Arsenio F.S., de 66 anos.