www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

O C.R. Chapela anuncia mobilizacións se non se reparan as filtracións nas instalacións municipais
Deporte • 17/03/2015
Autor: Ana Prieto

Hai máis de tres anos que o Club de Remo Chapela se trasladou aos baixos do Centro de Deportes Acuáticos, e as instalacións sempre presentaron deficiencias. Os problemas incrementáronse coa posta en marcha da piscina, hai ano e medio, con filtracións continuas de auga que impiden a súa actividade normal e deterioran o material almacenado. No Concello comprometéronse a solucionalo, pero o arranxo non chega.


O presidente do club, Julio Prado, demandan unha solución urxente por parte do Concello, responsable destas instalacións municipais. Sinala que xa mantiveron varias xuntanzas co alcalde, Javier Bas, e o concelleiro de Deportes, Jesús Crespo, que xa enviaron en varias ocasións aos técnicos para valorar os problemas das instalacións. Prado afirma que recibiron "boas palabras" por parte do goberno local, que se comprometeu verbalmente a darlle unha solución, pero o arranxo "non chega". As pingueiras, que arrastran resinas do material de illamento, provocan ademais un grave prexuízo económico para o club, xa que están a deteriorar as embarcacións que teñen almacenadas, algunhas delas valoradas en máis de 40.000 euros. No club fan "apaños" con caldeiros e plásticos para recoller as filtracións, pero esixen unha "solución definitiva", que pasa por levantar o pavimento da piscina e a zona de vestiarios para impermeabilizalo correctamente. Julio Prado di estar disposto a emprender mobilizacións de protesta e mesmo denunciar ao Concello de Redondela, xa que non cumpren co pactado no contrato, mentres que o club está a facer fronte ao pago do alugueiro.


Bandeira A Guarda


No plano deportivo, o club está inmerso na Liga Galega de Bateis. Logo de subir ao podio en varias categorías na VII Bandeira do Porvir-Memorial Obdulio Iglesias "Odilo", esta semana preparan a saída á Guarda, na XVI Bandeira Concello da Guarda Memorial Antonio Torrón, organizado polo club Robaleira. Ata o de agora as embarcacións de Chapela están a clasificarse entre as mellores da provincia en todas as categorías, agás na Xuvenil Masculina, onde o equipo aínda está a adaptarse logo de sufrir moitos cambios. O seu obxectivo é clasificarse para o Campionato Galego de Bateis practicamente en todas as categorías, e ter tamén unha importante representación no Campionato de España, que se disputará no mes de abril en Meira.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: