www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Música clásica na Igrexa de Redondela coa orquestra da USC e o coro Gli Apassionati
Cultura • 13/03/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O segundo concerto do ciclo de música Pórtico Sonoro celebrarase este sábado 14 ás 21.00 h, na igrexa de Santiago Apóstolo de Redondela. O concerto correrá a cargo da Orquestra do "Espazo de Cámara" da Universidade de Santiago de Compostela e do coro Gli Appassionati de Vigo, que interpretarán o "Gloria" de Vivaldi, e o "Magnificat" de J.S. Bach.


A Orquestra do "Espazo de Cámara" da Universidade de Santiago de Compostela é un proxecto educativo e cultural arredor da música que pretende divulgala entre o estudantado universitario e a poboación en xeral. Está formada por 35 compoñentes baixo a dirección Mario Diz, e conta co patrocinio da Vicerreitoría de Cultura.


Pola súa banda o Coro Gli Appassionati está composto por 50 mozos e mozas apaixonados polo canto e a música en xeral, dirixidos por Nuria Lorenzo López. O grupo consolídase a través dunha alta calidade na formación vocal e musical, que lles permite abordar un amplo e diverso repertorio no que inclúen obras de gran dificultade, tanto clásicas coma de Pop e do folclore internacional.


Dúas formacións que ofrecerán a súa música este sábado en Redondela a todos os que se acheguen ao concerto que terá lugar ás 21:00 horas na igrexa de Redondela, gozarán dun repertorio no que se inclúe o Gloria de Antonio Vivaldi e o Magnificat de Johan Sebastian Bach.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: