www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 24 de Setembro de 2018

Redondela asfaltará a estrada da praia cunha achega de 150.000 euros da Deputación
Institucional • 10/03/2015
Autor: M. X. Queimaliños

As obras de asfaltado da estrada que dá acceso á praia de Cesantes deberían iniciarse en breve logo de que a xunta de goberno do organismo provincial aprobase a partida económica destinada a acometer esta actuación que permitirá mellorar un firme que a día de hoxe presenta fochancas e buracos en boa parte do seu percorrido. A deputación aprobou tamén unha subvención de 178.000 euros para acometer a urbanización do Camiño da Costoia.


A Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de dúas subvencións ao Concello por un valor total de 327.337 euros para urbanizar o camiño de Costoia e pavimentar a estrada da praia de Cesantes. Este segundo traballo recibirá unha axuda 149.337 € que se investirán na mellora do firme e o seu asfaltado. Unha estrada cun importante volume de tráfico sobre todo nos días de bo tempo e que se atopa, tal e como veñen denunciando dende a asociación de veciños, en moi mal estado logo de que se procedese á construcción de muros de contención dos noiros da vía.


A construcción destes muros ocasionaron un ancheo da calzada que non foi pavimentado no seu momento e que, coas choivas, ocasiona problemas aos veciños da zona. O proxecto da obra da estrada de Cesantes prevé, entre outros traballos, a contención dos noiros da vía do tren nun tramo de 140 metros para evitar a caída do balastro na estrada e a colocación dunha barreira de seguridade tipo <bionda> con faldón para motoristas na subida a un paso superior da vía que se atopa ao final do tramo de actuación. O prazo de execución da obra é de tres meses polo que se espera que estea rematado no inicio do verán.


Na mesma sesión do pasado venres, o goberno da Deputación de Pontevedra acordou conceder 178.000 euros ao Concello para levar a cabo os traballos de urbanización do denominado Camiño de Costoia, en Redondela. Os traballos suporán a dotación de redes de saneamentos, abastecementos e similares.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: