www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 23 de Maio de 2018

Hoxe será soterrado en Soutomaior o veciño que faleceu mentres practicaba pesca deportiva
Sucesos • 9/03/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Serafín Cernadas Lusquiños, de 70 anos de idade e veciño do barrio de Comboa en Soutomaior, será soterrado hoxe na igrexa do Divino Salvador ás catro da tarde. O home un mariñeiro xa retirado e alcumado "O Doutor" faleceu o pasado sábado logo de caer ao mar cando se atopaba practicando pesca deportiva na zona coñecida como O Puntal.


O tráxico suceso producíase ao redor das 13:30 horas cando un home que se atopaba no lugar daba o primeiro aviso ao 112 e á Policía Local de Soutomaior logo de ver como o falecido se mergullaba na auga. Ás labores de procura sumáronse tamén o helicóptero "Pesca 1", do servizo de Gardacostas, e a embarcación de rescate "María Pita". A chegada do helicóptero de seguido deu os seus froitos e ao redor dunha hora despois, sobre o tres e media da tarde, atopábase o corpo a escasos quilómetros do lugar no que foi atopada a embarcación.


As primeiras hipóteses dos servizos de salvamento sinalaban a un golpe que a vítima puido sufrir e que o levou a caer á auga, pero as investigacións realizadas a continuación pola Garda Civil, que atoparon os pantalóns e os zapatos do mariño na embarcación, apuntan a que foi o mariñeiro o que se mergullou na auga por un posible problema coa hélice ou o motor da embarcación. O cadáver da vítima foi trasladado ao hospital Nicolás Pena de Vigo para realizarlle a autopsia que aclarará os motivos da tráxica morte.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: