www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

16.000 euros para reparar a cuberta do patio do Colexio de Laredo en Chapela
Política • 3/03/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, informou esta mañá nunha visita ao centro educativo que as obras acaban de ser adxudicadas e comezarán nas vindeiras semanas. A actuación consistirá na reforma da cuberta do patio e dos vestiarios cun investimento que chega case aos 16.000 euros a cargo da Consellería de Cultura e contan cun prazo de execución de 45 días.


Acompañada polo alcalde de Redondela, Javier Bas, o director do centro educativo, Abraham Domínguez, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do colexio e coñeceu pormenorizadamente a actuación que se vai a levar a cabo de forma inmediata.


As obras que segundo dixo "comezarán nas vindeiras semanas" contan cun prazo de execución de 45 días e foron adxudicadas a finais do mes de febreiro á empresa Cubiertas P.Galicia, S.L.U. Consistirán na reforma da cuberta de patio e vestiarios. O obxectivo é arranxar as filtración de augas que "co paso do tempo e os cambios habidos na climatoloxía afectaban a cuberta do patio e aos vestiarios, facendo o seu uso perigoso pola comunidade educativa". Deste xeito, coa nova cuberta conseguirase máis illamento, máis seguridade e tamén se alixeira o peso da estrutura.


O CEIP Laredo de Chapela conta con 146 alumnos e alumnas e, nos últimos anos, a Consellería de Educación investiu máis de 50.000 euros en distintas melloras da infraestrutura educativa tales coma reformas na fontanería, na instalación eléctrica, entre outras.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: