www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Redondela, Soutomaior e Fornelos despiden o Entroido
Cultura • 20/02/2015
Autor: M. X. Queimaliños

As actividades máis inmediatas terán lugar hoxe venres en Fornelos cunha festa na praza do Concello con premios e verbena amenizada polas orquestras Paría de Noia e Miramar. En Arcade haberá desfile de comparsas o sábado a partir das 17:00 horas e en Redondela será a parroquia de Chapela a que acolla o xa tradicional enterro do berete, cun desfile no que participarán 1000 persoas e dez comparsas e que partirá ás 19:00 horas dende o alto da Encarnación para rematar en Arealonga.


Concurso de disfraces, actividades para os nenos e verbena. Esas son as actividades principias dunha festa do entroido que se desenvolverá na tarde noite de hoxe venres baixo unha carpa instalada na praza de Fornelos de Montes


Os máis pequenos serán os protagonistas ás 20:00 horas cunha festa que contará con agasallos e sorpresas para os asistentes. Xa a partir das dez o protagonismo será para os adultos cunha verbena amenizada polas orquestras París de Noia e Miramar. Haberá concurso de disfraces con premios para as parellas e os grupos dotados de premio económicos de ata 110 euros para o mellor grupo.


A Comisión de Festas de Fornelos desprazou este ano a actividades á praza do Concello onde hai instalada unha carpa que permitirá gozar da festa malia as chuvias.


Arcade


14 comparsas participan no desfile do Entroido que arrancará ás cinco da tarde do cruce da avenida Xosé Solla coa rúa Calvario. Percorrerá o centro da vila ata chegar a Alameda de Talo Río onde rematará a xornada coa actuación do grupo musical Tres.com. Entre as 14 comparsas participantes atópanse algunhas do propio concello como As Marchosas de Arcade, os Miudos ou Moreira a tope, pero tamén outras formacións chegadas de Tomiño, Pontesampaio e Vilaboa.


Chapela


O enterro do berete servirá para pechar o Entroido no noso concello. Unha actividade que terá lugar na tarde do sábado e que contará coa presenza de dez comparsas con máis de mil persoas que participaran dun desfile que percorrerá o centro da parroquia. Unha comitiva fúnebre que partirá dende o Alto da Encarnación a partir das 19:00 horas e percorrerá a Avenida de Vigo ata chegar a praia de Arealonga.


Unha vez o desfile chegue á Arealonga haberá unha "invasión pirata", un espectáculo animado polo grupo de percusión Trópico de Grelos, e a continuación procederase á incineración do Berete. A festa rematará con verbena amenizada pola orquestra Gran Parada.


Saxamonde


O Centro Cultural de Saxamonde celebra tamén entroido con actividades o venres 20 a partir das 23:00 horas cunha festa de carnaval de adultos con premios para o mellor disfrace e o máis orixinal. O sábado 21 a cita será para os máis pequenos con festa con obradoiros de maquillaxe e merendola a partir das 17:00 horas.


Cedeira


O Centro Cultural de Cedeira pecha as celebracións do entroido o día 22 a partir das 17h con sesión Discoteca para os máis pequenos onde haberá agasallos para todos os rapaces que acudan disfrazados.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: