www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

Os recortes de persoal en Correos provocan atrasos no reparto de cartas en Chapela
Sociedade • 20/02/2015
Autor: Ana Prieto

Hai meses que diferentes barrios da parroquia reciben con moitos días de retraso a súa correspondencia, tanto as cartas ordinarias como notificacións xudiciais, do Sergas ou o do Servizo Galego de Emprego. A centralización do servizo en Redondela e os recortes no persoal de reparto son a causa do deterioro no servizo.


Se ben hai zonas, como o núcleo urbano da parroquia, onde as cartas se reciben con regularidade, hai moitos barrios onde o carteiro chega só "cada catro ou cinco días", como explica Óscar, que vive en Chapela de arriba. Uns atrasos que teñen provocado graves prexuízos a veciños como Sonia, que recibiu unha citación do xulgado "despois de que se celebrase a vista". Uns problemas que segundo o sindicato CC.OO., son consecuencia "da política de recortes da empresa". A delegada sindical, Isabel Mouriño, explica que Correos decidiu centralizar todo o servizo de reparto en Redondela, ao tempo que reduciu o número de carteiros, que pasou de 25 efectivos a 20 para todo o municipio. Á parroquia de Chapela correspóndenlle catro repartidores, que deben desprazarse desde o almacén que a empresa ten nos Eidos. Á rebaixa de persoal súmase o feito de que a entidade tampouco cubre as baixas laborais nin os permisos de vacaións dos traballadores, polo que nalgúns momentos dous ou tres repartidores deben cubrir toda a parroquia "o que é imposible". Desde a asociación de veciños da parroquia denuncian a situación, con atrasos reiterados no reparto. A presidenta do colectivo, Ángela Méndez, asegura que non se trata dun problema puntual "xa que os atrasos no reparto véñense mantendo no tempo e afectan a diferentes barrios". Por iso xa solicitaron á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos "o arranxo desta anomalía" para a correcta distribución do servizo en Chapela. O asunto chegará tamén ao Parlamento. Desde o BNG destacan que o motivo dos atrasos responde "ao empeoramento das condicións laborais en Correos". Unha situación que afecta tamén a outras oficinas da bisbarra, como é o caso de Soutomaior. As deputadas do Bloque en Madrid, Olaia Fernández e Rosana Pérez , presentaron unha pregunta ao goberno central sobre esta cuestión na que destacan que existe un "continuado deterioro" do servizo de correos no rural galego e, especialmente, en zonas periurbanas como é o caso de Chapela. Na provincia de Pontevedra o número de carteiros reduciuse en 400 postos fixos e 266 eventuais.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: