www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Pazos celebra a XIV edición da Festa da Cacheira
Cultura • 19/02/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello de Pazos acolle este domingo unha nova edición da festa da cacheira, unha cita gastronómica na que se servirán 3.000 racións de cacheira acompañadas de chourizo e grelos. A celebración trasládase este ano ao pavillón de deportes municipal por motivos meteorolóxicos. O pregón correrá a cargo dos humoristas da TVG, Mucha e Nucha.


A celebración comezará ao once da mañá coas actuacións da charanga Vai de baile e o trío D´Joselito. Ao redor da unha do mediodía terá lugar o clásico pregón, que este ano correrá a cargo dos humoristas da televisión de Galicia, Mucha e Nucha. Pola tarde continuará a festa con diversas actuacións, animación musical e inchables para os máis pequenos. Como novidade este ano súmanse á celebración os membros do Club 600 Arcade, que exporán os seus vehículos na praza do Concello desde primeiras horas da mañá.


Para maior comodidade dos asistentes e ante as previsións meteorolóxicas, este ano a festa celebrarase no pavillón de deportes municipal.


 A "cacheira" ou "cachucha" servirase como manda a tradición: cocida e en talladas, con acompañamento de chourizo e grelos. Serviranse unhas 3.000 racións e para a súa elaboración cociñaranse máis de 1000 quilos de cabeza de porco, 900 de grelos e 250 de chourizo Un manxar que a maior parte dos asistentes regasen con viño tinto. Como en anteriores edicións, o prato poderase degustar no recinto da festa ou levarllo para consumir en casa a un prezo máis económico.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: