Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

O PSOE critica que se reduza o espazo destinado ás oficinas de servizos sociais
Política • 3/02/2015
Autor: M. X. Queimaliños

Explican os socialistas que "a instalación do arquivo audiovisual de Redondela no edificio destinado ós servizos sociais na rúa Reveriano Soutullo quitou un espazo que se utilizaba para a atención de dependentes e para almacenamento de material das actividades deste departamento". Denuncian que esta situación levou incluso a que un usuario fora atendido na rúa por carecer dun lugar onde prestarlle este servizo.


 


 


 


O PSOE de Redondela puido comprobar nos últimos días que un local da planta baixa do edificio destinado a servizos sociais (concello antigo situado no nº1 de Reveriano Soutullo) foi o lugar escollido para a instalación dos equipos que serven para a creación do arquivo audiovisual de Redondela. Ata este momento, esta sala era utilizada para almacenamento e para a atención ocasional a persoas con mobilidade reducida polo persoal de servizos sociais, de xeito que "un usuario dos servizos sociais con mobilidade reducida foi atendido na rúa esta semana por carecer dun lugar para facelo", informou a concelleira socialista Digna Rivas.


Ante esta situación, a edil pediu explicacións a concelleira responsable na comisión correspondente, pero atopou como resposta que este local non estaba a ser utilizado por servizos sociais e, polo tanto, que non tiña responsabilidade sobre o mesmo. "Esta situación é aínda máis grave, porque quere dicir que a concelleira Teresa Paris non coñece o seu departamento nin para que se utilizan as instalacións municipais", engadiu Rivas.


Esta edificación, que se destina a servizos sociais, é un edificio antigo e as persoas con mobilidade reducida soamente teñen acceso ó baixo. "Por este motivo, cando era preciso as traballadoras municipais atendían alí ás persoas que non podían chegar ós despachos de andeis superiores", explica Digna e engade que "parece que o goberno de Javier Bas tamén descoñecía este feito. En definitiva, unha mostra máis da súa xestión dos servizos sociais".


O PSdeG-PSOE de Redondela tamén quere aclarar que "non temos nada que reprochar a iniciativa do arquivo audiovisual (que incluso pódese potenciar), soamente que entendemos que a ubicación escollida non foi a idónea e que mostra unha descoordinación entre concellerías que é preocupante".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: