Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Xoán Carlos González: "O nacionalismo vai experimentar unha suba importante"
Política • 2/02/2015
Autor: M. X. Queimaliños

O concelleiro, que ven de ser proclamado candidato do BNG á alcaldía de Redondela confía en que o seu partido experimente un importante repunte no noso concello logo de varios anos perdendo votantes. Entende que a xente busca "organizacións como a nosa: abertas, democráticas e comprometidas co país,( nun momento no que o PP perde apoio polas súas políticas antisociais e o PSOE atópase sumido nunha profunda crise interna".


O concelleiro será o encargado de encabezar a candidatura do BNG para as vindeiras eleccións municipais. Mestre de ensino público, Xoán Carlos González (Redondela, 1970) leva participando da política local redondelá dende hai vinte anos. Exerceu de Responsábel Local e formou parte das diferentes candidaturas do BNG en Redondela. Dende o ano 2011 integra o grupo municipal. Malia que rexeita dar nomes sobre quen o vai acompañar na lista anuncia unha candidatura renovada "coa inclusión de caras novas, persoas sen militancia e presenza importante de mulleres". A candidatura baixo o nome BNG-Asembleas abertas, emprega esta fórmula co obxectivo de integrar "a toda a xente que está no entorno dos nacionalistas pero que non quere ser militante".


Non dubida en valorar "moi negativamente" o goberno actual e asegura que o "PP nos está deixando as cousas moi doadas logo de 4 anos no goberno local". Engade que o seu traballo cos colectivos, a súa defensa por unha maior atencións aos servizos sociais e unha aposta polo traballo, man con man, con asociacións e colectivos van favorecer o incremento de apoios ao Bloque.


Dous partidos, PP e PSOE que ao entender de Xoán Carlos González están en crise "o PP perde apoio polas súas políticas antisociais e o PSOE atópase sumido nunha profunda crise interna". Sobre a outra forza que actualmente tamén forma parte da corporación e que fora a gran sorpresa hai catro anos, a Agrupación de Electores, entende que "é unha organización novidosa e que aportou cousas na política municipal" pero que non é o rival do BNG.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: