www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 20 de Outubro de 2018

Aurelio Krook: "A SAR está a demostrar que é un equipo unido e sólido"
Deporte • 28/01/2015
Autor: Ana Prieto

A SAR Plastic Omnium está a superar todas as expectativas para esta temporada, cuns resultados que no club non podían nin soñar cando comezou a competición. Coa chegada do adestrador Carlos Rey o equipo deu un salto de calidade. Agora terán que asumir o reto de manter o nivel sen Polaco, que deixa o club por motivos laborais.


Será unha baixa importante para o equipo, como recoñece o presidente, Aurelio Krook, que tentarán suplir coa filosofía de sempre, "subindo a xente da canteira", con xogadores do equipo que milita en Autonómica e que deberán coller experiencia na Primeira Nacional. A principio de temporada o club marcou como obxectivo a permanencia, pero esa meta quedou xa superada hai moitas xornadas. Os bos números da primeira volta sitúan ao conxunto redondelán entre os mellores da competición. E a segunda volta comezou aínda mellor. No último partido gañaron ao segundo clasificado, O Magope Seis do Nadal, nun partido de gran rivalidade disputado en Santa Mariña. Agora son cuartos, e non renuncian a nada. Pero para o presidente o mellor non son os resultados, senón a imaxe que ofrece a SAR como un equipo "sólido e unido", no que os máis veteranos "axudan aos máis novos", e cunha canteira que é o futuro do club. Agora pensan no seu próximo rival, o Luceros, ao que terán que medirse en Cangas. Unha pista "moi difícil", como recoñece Krook, e un equipo que contará con varios xogadores da liga Asobal. A cita é o domingo, ás 12.30, no Pavillón Municipal O Gatañal.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: