Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Redondela súmase ao Plan de transporte metropolitano cos únicos votos a favor do PP
Política • 28/01/2015
Autor: M. X. Queimaliños

A abstención dos concelleiros de PSOE e BNG e o único voto en contra do representante de AER permite que o noso concello se sume ao convenio proposto pola Xunta para poñer en marcha o transporte metropolitanos e que suporá un abaratamento considerable no prezo dos billetes de autobús na liña Vigo-Redondela. O beneficio que esa rebaixa nos prezos suporá para os veciños foi o argumento esgrimido pola oposición para non votar en contra dun convenio que criticaron "polas importantes carencias que presenta" e que cualificaron de electoralista.


Unha viaxe en autobús a Vigo suponlle hoxe a un usuario de Redondela 1,55 céntimos. Un prezo que diminuirá notablemente coa posta en marcha deste transporte metropolitano, pasando o billete a custar entre 0,84 e 0,71 euros, dependendo do número de viaxes que se realicen. Unha rebaixa que será financiada nun 80% pola Xunta de Galicia e nun 20% polo concello, que deberá achegar ao redor de 55.000 euros anuais. Esta diminución era un dos principais argumentos empregados polos populares á hora de solicitar ao resto dos grupos o seu apoio para aprobar o convenio.


Unhas palabras que non convenceron a AER. O seu representante foi o único que votou en contra por entender que "con esta convenio o que se vai facer é subvencionar ás empresas privadas de trasporte". Criticou tamén que non exista ningún compromiso en firme para mellorar o transporte interparroquial.


Pola súa banda os nacionalistas optaron pola abstención por entender que "malia tratarse dun proxecto que chega tarde, cun marcado carácter electoralista a tan só tres meses das eleccións e no que se detectan importantes carencias como o feito de non contemplar o transporte ferroviario, supón a posta en marcha dunha vella reivindicación para facilitar a mobilidade de cidadáns da área metropolitana, o fomento do transporte público, e unha mellora da calidade ambiental".


Manifestou iso si a necesidade de melloralo canto antes coa inclusión de medidas como por exemplo que se inclúan bonificación para colectivos desfavorecidos como os parados, xubilados ou estudantes.


Os socialistas optaron tamén pola abstención á hora de votar un convenio que cualificaron de "chapuceiro". Recriminaron tamén ao PP o marcado carácter electoralista da medida que "non tomaron en seis anos e si o fan cando restan poucos meses para as eleccións".


Fixeron fincapé tamén dende o PSOE no xeito de financiar o transporte "que recaerá nos concellos, as administracións máis asfixiadas" e criticaron que a Deputación "un organismo cun orzamento de 140 millóns de euros non  sexa quen de asumir os 400.000 euros que terán que achegar os concellos no vindeiro ano".


Ademais de Redondela tamén amosaron o seu apoio ao Plan de transporte os plenos de Baiona, Nigrán, Mos, Porriño, Pazos de Borbén, Cangas, Moaña, Salceda, Fornelos e Salvaterra. Está previsto que Soutomaior o aprobe mañá mentres que non se sumarán a esta iniciativa nin o concello de Gondomar nin tampouco Vigo, pola negativa do alcalde Abel Caballero a sumarse ao convenio nos termos actuais.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: