www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

Os veciños agardan que non se eliminen prazas de aparcamento coa urbanización dos Eidos
Sociedade • 26/01/2015
Autor: Ana Prieto

As obras de humanización na zona urbana dos Eidos, que experimentou un gran crecemento nos últimos anos, comezarán no mes de marzo. Os veciños aplauden o proxecto, que suporá a dotación de beirarrúas e zonas axardinadas, pero demandan que as obras non impliquen a eliminación de prazas de aparcamento, moi necesarias nesta zona tan próxima ao núcleo de Redondela.


Os traballos contemplan a urbanización global da rúa Os Eidos. Na marxe esquerda, en sentido ascendente, construiranse beirarrúas e instalaranse as redes de saneamento, augas pluviais e abastecemento. Tamén se soterrarán as redes eléctricas e de telecomunicacións, e mellorarase a iluminación pública. Ademais crearanse espazos axardinados. Os veciños amósanse satisfeitos co proxecto, pero temen que a humanización vaia supoñer a eliminación de prazas de aparcamento. Sonia vive nos Eidos e recoñece que coas beirarrúas mellorará a contorna, pero advirte que tamén as prazas para estacionar son necesarias "xa que no centro de Redondela non hai lugares para aparcar". De feito son moitas as persoas que elixen este lugar para deixar o seu vehículo cando se achegan á vila. É o caso de Amalia, veciña de Cesantes, que aposta por "compatibilizar" a humanización da zona co aparcamento. Advirte que o transporte público entre o centro de Redondela e as parroquias é moi escaso, polo que os veciños optan por achegarse á vila no seu coche particular. Por iso sinala que dificultar aínda máis o estacionamento sería prexudicial para o comercio local, xa que moitos clientes optarían por achegarse aos centros comerciais das cidades. Tamén os comerciantes da zona entenden que se deben manter as prazas de aparcamento, pero cun sistema para regular o estacionamento. Fabián, que rexente un establecemento agrícola nos Eidos, propón limitar o horario para facilitar a mobilidade dos coches na zona.


Deficiencias no camiño do Cemiterio


Outra das preocupacións dos veciños da zona, ademais do aparcamento, é a situación de deterioro do camiño do Cemiterio dos Eidos. É o único acceso co que contan os residentes de dous bloques de vivendas, que denuncian o estado de abandono deste camiño, cheo de fochancas. Mónica sinala que se trata dun problema "de seguridade", xa que a situación do muro é precaria, "con pedras movidas" que corren risco de caer. Pero os veciños descoñecen se o Concello vai realizar na zona algunha actuación, xa que o proxecto de urbanización limítase á rúa dos Eidos, non a este camiño adxacente. A actuación conta cun orzamento de 154.076 euros financiado pola Deputación, e os traballos deberán estar rematados antes de que remate este ano 2015.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: